A Deputación xa contactou con empresas especializadas para buscar alternativas que permitan iniciar canto antes as obras de emerxencia na OU-0807
Luis Menor destaca que a prioridade da institución provincial é garantir a seguridade da veciñanza e restablecer as comunicacións na estrada que une Vilamartín de Valdeorras con San Vicente, colapsada polas intensas choivas e arrastres no Caborco de Ventín
Acompañado pola directora da Área de Infraestruturas, Marta Docampo, o presidente provincial explicou que durante o día de hoxe quedarán habilitadas dúas vías alternativas: a estrada local e unha vía forestal
Ourense, 16 de novembro de 2026.
A Deputación de Ourense xa contactou con empresas especializadas para buscar alternativas técnicas que permitan iniciar canto antes as obras de emerxencia para o arranxo da estrada provincial OU-0807, que une Vilamartín de Valdeorras con San Vicente. Así o anunciou o presidente provincial, Luis Menor, acompañado pola directora da Área de Infraestruturas, Marta Docampo, tras o colapso dun treito desta vía como consecuencia das intensas choivas rexistradas na zona.
Menor explicou que a institución provincial traballa con carácter de urxencia para recuperar as comunicacións, coa seguridade da veciñanza como prioridade. As xestións coas empresas especializadas buscan avanzar nas posibles solucións, mentres que a avaliación dos danos sobre o terreo e a definición das actuacións estarán condicionadas pola evolución meteorolóxica e pola posibilidade de acceder á zona con seguridade.
O incidente produciuse este domingo á altura do quilómetro 4+100. No mediodía, a Área de Infraestruturas da Deputación recibiu un aviso do Concello de Vilamartín de Valdeorras alertando do importante aumento do caudal do Caborco de Ventín, afluente do río Leira, que provocou que a auga chegase a circular por riba da calzada. A infraestrutura de drenaxe existente neste punto non resistiu a avalancha de auga e materiais arrastrados, o que motivou o colapso da estrada.
Persoal da brigada provincial de Vías e Obras do Barco de Valdeorras desprazouse de inmediato ao lugar con maquinaria para adoptar as medidas máis urxentes. A intensidade das precipitacións limitou esta primeira intervención ao corte do tráfico e á instalación da sinalización e dos avisos correspondentes.
Unha vez que as condicións o permitan, os técnicos provinciais avaliarán os danos e concretarán as medidas necesarias para executar as obras de emerxencia que permitan restablecer o tránsito pola OU-0807.
Paralelamente, a Deputación mantén contacto cos servizos de emerxencia e coas demais administracións implicadas para coordinar a resposta e facilitar a atención das necesidades da poboación afectada. Nun primeiro momento recorreuse a unha pista forestal como alternativa, dado que a estrada municipal do Mazo tamén presentaba riscos.
Luis Menor explicou que, segundo a información dispoñible, durante o día de hoxe quedarán habilitadas estas dúas vías alternativas: a estrada local e a vía forestal. O presidente provincial salientou que non houbo que lamentar danos persoais, aínda que si danos materiais e dificultades de comunicación para a veciñanza. Neste contexto, reafirmou o compromiso da Deputación cunha resposta inmediata: “Seguiremos sempre respondendo desde o minuto un para garantir a seguridade da veciñanza e facilitar a atención das súas necesidades”.