A deputada e alcaldesa de Oímbra Ana Villarino participou nunha reunión de traballo do Plan Monterrei
Monterrei, 20 de maio.- A deputada e alcaldesa de Oímbra Ana Villarino participou esta mañá nunha reunión de traballo do Plan Monterrei presidida polo conselleiro de Medio Rural, José González, e que tivo como obxectivo presentar "este proxecto ás autoridades da área fronteiriza portuguesa, co fin de que elas tamén poidan elaborar o seu propio plan piloto e optar así a fondos Next Generation", segundo explicaron dende a Consellería de Medio Rural.
O plan, que xa conta cun investimento de 17 millóns de euros enfocados á posta en valor do castelo de Monterrei desde a perspectiva turística, está impulsado pola Xunta, a Deputación de Ourense e concellos ourensáns de Castrelo do Val, Laza, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita e Riós, coa participación, tamén, da Deputación provincial.
Nesta liña, na reunión estiveron presentes, ademais do conselleiro de Medio Rural e Ana Villarino; a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé; a directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López; o subdirector de Planificación e Dinamización do Medio Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Alfredo Fernández; e os alcaldes de Monterrei, José Luis Suárez; Castrelo do Val, Vicente Gómez; Vilardevós, Manuel Cardoso; A Gudiña, José María Lago; Cualedro, Luciano Rivero; de Riós, Eva María Barrio; e Verín, Gerardo Seoane, ademais da concelleira de Servizos Sociais da Mezquita, Tamara Ballesteros, e cinco axentes da Fundación Juana de Vega.
Nesta reunión tamén participaron o presidente da Cámara Municipal de Montalegre, Orlando Alves, e o doutor adxunto do Gabinete da Secretária de Estado do Desenvolvimento Regional, João Barreira.