Despoboamento, servizos locais e medio ambiente, temas analizados na comisión de deputacións da FEMP

Compartir

Castellón, 25 de outubro de 2017.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe na reunión da comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias, que se celebrou en Castellón. Un total de 21 provincias, cabildos e consellos insulares participaron neste cumio de deputacións. Na reunión analizouse o papel das deputacións no que atinxe á igualdade de oportunidades e servizos aos cidadáns e na loita contra o despoboamento. Asemade a Comisión tratou as conclusións da Declaración de Presidentes de Segovia, celebrada dias pasados, no referido ao financiamento das administracións locais.

Na xuntanza tamén se aprobou unha Declaración Institucional por mor dos incendios acaecidos en Galicia, Asturias e Castela e León, na que centra a mirada do futuro das administracións públicas "na axuda inmediata por parte das administracións competentes aos territorios afectados, co establecemento de medidas extraordinarias de recuperación socioeconómica e medioambiental para paliar na medida do posible as consecuencias dos incendios; e nunha análise da grave situación forestal á que se enfronta o noso país, coa desestacionalización do período de risco de incendios debido ao incremento das temperaturas e á situación de seca que vivimos", recolle a declaración.

Esta é cuarta ocasión na que a Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares celebra a súa reunión fóra da sede da FEMP en Madrid para recorrer de forma itinerante as distintas provincias españolas.