Dous días co mellor rock en Benposta, na celebración do "Ourenrock Sound" 2018
- A Deputación de Ourense colabora con este festival, que porá no escenario os días 8 e 9 de xuño a 17 bandas e artistas de vangarda no panorama actual da música rock.
- Manuel Baltar destacou na presentación que Ourense "é unha provincia de rock, que alumou a un dos grupos máis importantes: Los Suaves, polo cal, xunto coa excelente acollida que tivo nas anteriores edicións, o goberno provincial seguirá apoiando a este gran encontro de música, cultura e tradición que é Ourenrock".
Ourense, 30 de maio de 2018.- Ourense será os días 8 e 9 de xuño a capital do rock coa celebración do "Ourenrock Sound" 2018, un festival no que colabora a Deputación de Ourense e que trae nesta edición ao escenario de Benposta a 17 bandas e artistas de vangarda no panorama da música rock. A presentación do evento tivo lugar esta mañá no centro cultural "Marcos Valcárcel", coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e do director e o secretario de organización do festival, Rubén Álvarez e Rubén Varela, respectivamente.
No programa desta terceira edición figuran bandas como "El Drogas", "Riot Propaganda", "Talco", "Xavi Sarrià", "The Locos", "Smoking Souls", "Bohemian Betyars", "Rebeliom do Inframundo", "Ezetaerre", Blues do País", "Yo no las conozco", "Binkadelia Troupe", "Isabel Marco" e "Secondhand trade Soul". Ademais das bandas ourensás "Pauliña" e "Gorilas a pilas" ao escenario de Benposta subiranse grupos doutros puntos de Galicia, España, Francia, Italia e Hungría. O comezo das actuacións será ás 20.00 horas, e as entradas e abonos -cun custe de entre 20 e 30 euros en venda anticipada-, poden adquirirse en diferentes puntos de venta, e en Internet a través da web: http://ourenrocksound.com/, onde figura ademais toda a información do festival.
Manuel Baltar destacou na presentación que Ourense "é unha provincia de rock, que alumou a un dos grupos máis importantes: "Los Suaves", Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, polo cal, xunto coa magnífica acollida das anteriores edicións, a Deputación de Ourense seguirá apoiando este gran encontro de música e cultura que é Ourenrock, un festival completo que, ademais, conta con gastronomía e obradoiros, e que en dúas edicións duplicou a asistencia de público, agardándose que en 2018 presente unha excelente participación".
Rubén Álvarez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, "unha alianza entre o festival e o goberno provincial que nos permite seguir medrando e ser un referente multicultural en Galicia e no Norte de Portugal". Explicou que como novidade este ano haberá no recinto do festival un "Punto Lila", co obxectivo de sensibilizar en contra da violencia machista e promover unha mensaxe de respecto a prol das mulleres. Asemade, os participantes disporán dunha pulseira que levará un microchip incorporado que lles permitirá realizar pagos na contorna do festival.
Como actividades paralelas, o festival inclúe ademais un obradoiro de olaría, a cargo de oleiro Agustín Vázquez, de Niñodaguia; un obradoiro de construción de guitarras, a cargo do luthier Jesús Rodríguez; exposicións, demostracións de barbería, e mercadiño alternativo, xunto con catas de viño do Ribeiro e degustación de polbo a cargo de polbeiras do Carballiño. Segundo os organizadores, este festival é a terceira actividade cultural de Ourense con máis asistentes tralo Entroido e as Festas do Corpus, e agardan nesta edición superar os 4.500 participantes, quen terán á súa disposición gratuitamente unha zona de acampada.