Dunia Álvarez presenta no OUFF o seu libro e documental "A meca dos cines"

Compartir

  • A súa directora fala sobre a historia do cine na localidade pontevedresa de O Grove.

Ourense, 4 de decembro.- Dunia Álvarez presentou no Ourense Film Festival o seu libro e documental "A meca dos cines" acompañada polo alcalde de O Grove, José Antonio Cacabelos Rico, e pola concelleira de Cultura, Emma Torres Romay. A cineasta quixo facer un traballo de fin de grao sobre a historia da localidade pontevedresa co mundo do cinema e de aí saíron o libro e o documental "A meca dos cines".

Neste documental e no posterior libro, Dunia Álvarez fai un repaso histórico polas salas de cine que tivo O Grove, "que chegaron a ser catro, tres delas funcionando ao mesmo tempo na década dos 50 nunha localidade de 7.500 habitantes". Vinculada dende moi cativa á actividade cultural, partipou activamente en diferentes ámbitos como a danza, teatro ou a música e xa en primeiro da carreira de Comunicación Audiovisual, a autora fixo un traballo sobre este tema que despois "quedou nun caixón".

Foi no proxecto de fin de grao cando decidiu recuperar o tema e profundizar nel, co apoio de Miguel Anxo Fernández que se amosou orgulloso da que foi a súa pupila. "O título é un xogo de palabras con mecos, que é como se nos coñece aos do Grove" explicou ao mesmo tempo que falou das moitas anécdotas que se recollen en "A meca dos cines" reforzando asemade un dos seus principais obxectivos e devezos persoais: a recuperación, conservación e divulgación da memoria histórica dos pobos.

A concelleira de Cultura quixo agradecer o esforzo por "recoller a memoria colectiva do pobo nun exercicio de conservación do noso patrimonio". Tamén falou da necesidade de que "todos nos comprometamos coa cultura e poñer da nosa parte". Para o alcalde, José Antonio Cacabelos, esta obra "fala da historia dos cines do Grove pero é historia dos cines de calquera vila de Galicia" e recolle "historia real e local do noso pobo".

O documental, que forma parte das Sesións Especiais desta 23 edición do OUFF, poderá verse esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel a partir das 18:00 horas e con entrada de balde ata completar aforo.