Emprego, servizos sociais e maiores, prioridades da xestión dos gobernos locais, que practican a "política directa" cos cidadáns", afirma Manuel Baltar

Compartir

  • "É o momento de singularizar, para que concellos e cidadáns aproveiten as potencialidades das súas contornas", explicou Baltar, quen propuxo desenvolver "plans de emprego á medida dos recursos das comarcas; iniciativas para emprender con competitividade no rural; e mellorar "a vida activa" dos maiores e o labor de coidadores e dos servizos sociais.

  • O presidente da Deputación de Ourense analizou, xunto cos seus homólogos de Barcelona, Valencia e Cáceres, o papel dos gobernos intermedios no Estado das Autonomías. "Debemos aproveitar o valor da política directa que realizan os gobernos locais e provinciais, esa cadea que une a veciños con alcaldes e cos presidentes provinciais", afirma.

  • "Non se trata de "importar por importar" proxectos novidosos; hai que sacar partido ás especificidades dos nosos territorios para diferenciarnos e sermos máis competitivos co que funciona e sabemos facer ben; aplicar a innovación á experiencia".

  • Baltar convidou aos gobernos provinciais de España a participar no proxecto europeísta do Consello Europeo da Economía Sostible, que lidera Ourense, "porque gobernos verdes, competitividade e melloras sociais e económicas deben ir da man", remarcou Baltar.

Badaxoz, 18 de novembro de 2016.– "O reto que teñen os gobernos provinciais no século XXI defínese nunha frase: "Aproveitar o que temos ao redor, singularizar e poñer en marcha iniciativas que potencien os valores económicos e sociais dos nosos municipios e provincias. Non se trata de "importar por importar" proxectos novidosos que funcionan noutros lugares senón de sacar partido ás especificidades dos nosos territorios para diferenciarnos e sermos máis competitivos co que funciona e sabemos facer ben; aplicar a innovación á experiencia". Así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na segunda xornada da 2ª Conferencia de presidentes de gobernos provinciais, que se celebra en Badaxoz, na mesa de debate que analizou o papel dos gobernos intermedios no Estado das Autonomías.

Baltar, que participou co seu relatorio xunto aos seus homólogos de Barcelona, Valencia e Cáceres, definiu aos sectores do emprego, os servizos sociais e os maiores, como "os prioritarios sobre os que debe pivotar a xestión dos gobernos locais, que practican a "política directa" cos cidadáns, nesa cadea necesaria e efectiva que une diariamente a veciños, alcaldes e presidentes de gobernos provinciais, todos co mesmo obxectivo de mellorar a calidade de vida e os índices socio-económicos dos nosos territorios", expresou Manuel Baltar

"Estamos no momento de singularizar, non de xeneralizar, para que concellos e cidadáns aproveiten as potencialidades das súas contornas", explicou Baltar, quen propón desenvolver "plans de emprego á medida dos recursos de comarcas e municipios; iniciativas para emprender con competitividade no rural, e mellorar a "vida activa" dos maiores e o labor de coidadores e servizos sociais

Xunto coa presidenta da Deputación de Barcelona, Mercé Conesa, e os titulares de Cáceres e Valencia, María del Rosario Cordero e Jorge Rodríguez, moderados pola presidenta da FAPE, Elsa González, Manuel Baltar analizou as liñas nas que se asenta a xestión actual e o futuro inmediato dos gobernos provinciais. Asemade, Baltar convidou aos gobernos provinciais de España a participar no proxecto europeísta do Consello Europeo da Economía Sostible, iniciativa que lidera Ourense, "porque gobernos verdes, competitividade e melloras sociais eeconómicas deben ir da man", remarcou Baltar.

En relación ao importante papel que desempeñan os territorios provinciais Baltar afirmou que as provincias "creamos o estado autonómico", e "desde fai tres anos estamos en pleno proceso de modernización para, sen complexos, ser os gobernos do século XXI, unha realidade non só de España senón tamén de Europa", subliñou.

Reivindicación de elección directa

Os presidentes provinciais reivindicaron a proposta de Manuel Baltar da elección directa, como forma de plena lexitimación dos gobernos provinciais, coincidindo en poñer de manifesto a necesidade de que os cidadáns se sintan máis próximos a estas institucións por medio da elección directa dos seus representantes.

Precisamente, esta foi a proposta de Manuel Baltar desde que chegou á Presidencia da Deputación de Ourense, explicitada no seu libro Falemos de Ourensanía e en diversos foros nacionais e no propio debate do Estado da Provincia de 2014. Neste sentido, foi unha das propostas de resolución aprobada para instar ás Cortes Xerais a que modifique neste aspecto a Lei Electoral. Manuel Baltar afirma: "Só se necesita unha urna máis, que xa a temos", e, de facto, o presidente da Deputación de Ourense xa actuou así nas eleccións de 2015, presentándose como candidato a presidir a Deputación cun programa para os catro anos de mandato, o Ourense 15-19, cuxas 77 medidas teñen fixada a data –mes e ano de execución-, un aspecto que tamén hoxe se destacou na Conferencia de Presidentes Provinciais, que remata esta tarde coa sinatura por parte dos presidentes da denominada "Declaración de Badaxoz", que recolle os acordos acadados no cumio.

No plenario púxose de manifesto que as deputacións son moito máis áxiles que as comunidades autónomas para resolver moitos problemas dos cidadáns. Por elo, nun momento no que está en plena vixencia o debate sobre o financiamento das administracións públicas, os presidentes provinciais reivindicaron para os gobernos provinciais un 25 % dos ingresos públicos, así como maior clarificación na reforma constitucional, que, afirman, non debe agardar a que se resolva a situación das comunidades autónomas.