Empresarios chineses visitan a exposición In tempore sueborum
- É a segunda representación internacional que percorre a mostra que organiza a Deputación de Ourense sobre o mundo suevo, logo da visita días pasados da secretaria de Estado para o turismo de Portugal.
Ourense, 20 de decembro de 2017.- Representantes de quince grupos empresariais de China visitaron a exposición In tempore sueborum, a mostra máis importante de Europa sobre o mundo suevo, que organiza a Deputación de Ourense. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, acompañou no seu percorrido á delegación empresarial chinesa, visitando no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a parte da exposición na que se exhiben pezas sobre a temática da deconstrución dos bárbaros. A visita completouse posteriormente co percorrido pola igrexa de Santa María Nai, que dedica o espazo expositivo á cristianización na Gallaecia da época sueva, e polo Museo Municipal, que permite coñecer o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.
Esta é a segunda representación internacional que percorre a mostra In tempore sueborum, logo da visita días pasados da secretaria de Estado de turismo do Goberno de Portugal, Ana Mendes Godinho, quen cualificou de "espectacular agasallo para a historia" a exposición sobre o mundo suevo.
Os quince representantes dos grupos empresariais chineses atópanse na provincia de Ourense para establecer contactos con empresas de diferentes sectores da economía ourensá, e a visita á exposición forma parte da axenda que manteñen estes días en Ourense, que abrangue ámbitos empresariais, institucionais, turísticos e culturais.
A mostra In tempore sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia entre os anos 411 e 585, sendo o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense. A mostra reúne 262 obxectos procedentes de museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña, e expóñense pezas dun alto valor histórico e artístico, entre as que destacan xoias e elementos ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.
A exposición está recollida nun catálogo no que participaron 60 investigadores, escrito en galego, castelán e inglés, que marca un fito na historiografía sobre o mundo suevo. Ademais está dispoñible na páxina web da mostra: www.intemporesueborum.es, na que se inclúe toda a información sobre a exposición e o catálogo en versión dixital.