"Enbhiga" 2019 reúne en Ourense a cociñeiros, medios especializados e touroperadores de diferentes países
Ourense, 17 de outubro de 2019.- A provincia de Ourense acolle a IV edición de "Enbhiga", o encontro bioceánico-hispano que naceu fai catro anos en Arxentina e que chega por primeira vez a Europa para reunir en Ourense a cociñeiros, touroperadores e medios de comunicación especializados de diferentes países, que están a coñecer de primeira man os atractivos turísticos e gastronómicos da provincia. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destaca a importancia deste evento -que se celebra ata o vindeiro sábado, 19 de outubro, percorrendo diferentes localidades da provincia- e cualifícao de "inmersión total na gastronomía e natureza da provincia de Ourense, para coñecer as nosas tradicións, mesturando cociña, cultura e etnografía". O programa combina actividades gastronómicas con outras que amosan a riqueza cultural, patrimonial termal e de ocio da provincia.
Baixo o título de "Ourense: La Ruta del Noroeste", Enbhiga 2019 percorrerá as paisaxes da provincia visitando enclaves naturais e paisaxísticos, e tamén pequenos produtores gastronómicos, dando a coñecer aos visitantes algunhas das tradicións máis arraigadas na provincia. Ao longo dos percorridos, os visitantes coñecerán os valores termais, arqueolóxicos, arquitectónicos e monumentais da provincia, e a caravana de Enbhiga visitará tamén centros de formación, adegas e algunhas industrias punteiras no ámbito agroalimentario.