A entrada a "Pazolandia" 2017 terá un custe de entre 3 e 4 euros
- Así o aprobou a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense na súa reunión de hoxe.
Ourense, 17 de novembro de 2017.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá os prezos públicos da entrada ao tradicional parque de atraccións "Pazolandia", que cada Nadal se instala no Pazo dos Deportes "Paco Paz", fixándose en 3 euros para aqueles que accedan en viaxes promovidos polos concellos da provincia e, en 4 euros para o público en xeral. "Pazolandia" que é o maior parque estacional de Galicia, chegará este ano a súa 25ª edición, unha iniciativa infantil que a Deputación de Ourense vén organizando desde o ano 1993. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 17 de novembro.
Cooperación
Ademais a Xunta de Goberno aprobou un total de 136.758 euros en axudas a asociacións e concellos da provincia de Ourense, para actividades de índole cultural, deportiva e de infraestruturas. En concreto no apartado de cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para a Asociación Cultural e Xuvenil Banda de Gaitas do Concello de Verea que ascende a 15.900 euros destinada aos gastos de desprazamentos a Strakonice 2016 e para gastos de material. Por outra banda, aprobou unha axuda de 7.308 euros para a Asociación Ourensana de Xadrez para a escola deportiva do ano 2017.
No relativo á cooperación cos concellos da provincia de Ourense, aprobouse unha axuda para o Concello do Bolo para a súa banda de gaitas por importe de 7.000 euros. Para o Concello de Calvos de Randín aprobouse unha axuda de 59.380 euros destinada ás obras de explanación en terreos de propiedade municipal para a dotación de solo industrial, mentres que para o Concello da Gudiña, aprobou unha achega de 8.670 euros para o cofinanciamento das obras realizadas na pista de Pentes.
Asemade, e Concello de Irixo percibirá dúas axudas, unha delas, en materia deportiva, por importe de 5.000 euros para o desenvolvemento do Campionato de España e Campionato Galego de Cross Country 2017; e outra axuda de 3.500 euros para a celebración da Festa do Cabalo do Irixo 2017. Por último, para o Concello de Lobios aprobouse unha axuda de 30.000 euros para rematar o acondicionamento do Foxo do Lobo en Guende.