Entrega do premio "Celanova Casa dos Poetas" á empresa R pola súa defensa da lingua galega
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Celanova nos actos conmemorativos do XXIX Premio "Celanova Casa dos Poetas", instaurado pola Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova, que nesta edición recoñeceu o labor da empresa R a prol da difusión e promoción da lingua galega.
Trala ofrenda floral, un recitado de versos diante do monumento a Celso Emilio Ferreiro e as palabras de benvida do alcalde celanovés, tivo lugar o acto oficial de entrega do premio no Auditorio Ilduara, presidido pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, quen estivo acompañada polo presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o sociolingüista e académico, Henrique Monteagudo, e o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, quen recolleu o premio e nome da empresa.
Os actos, que contaron coa participación do Grupo de Gaitas do Concello de Celanova, remataron cunha visita á Casa Museo de Curros, sede da Fundación Curros Enríquez.