A Escola de Artes e Oficios da Deputación abre o seu curso con preto de 200 alumnos
Ourense, 2 de outubro de 2017.- A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense abre o seu curso 2017-2018 con 186 alumnos matriculados nas diferentes disciplinas artísticas que alí se imparten. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, foi o encargado de darlle a benvida aos alumnos e destacou a importancia que ten para o goberno provincial "a cultura, sendo unha das nosas prioridades" e engadiu "a Deputación de Ourense é a única deputación de Galicia que conta cunha Escola de Artes e Oficios".
A Deputación de Ourense mantén esta histórica escola, con máis de 125 anos de vida, que neste novo curso conta con 63 alumnos matriculados na disciplina de debuxo e iniciación á pintura; 52 en perfeccionamento en pintura; 27 en talla-escultura en madeira, 16 en modelado-escultura en barro; e 28 en oleiría.
A Escola de Artes e Oficios amplía a duración do curso que se desenvolverá desde hoxe ata o 30 de xuño, coincidindo coa duración propia dun curso académico.