A Escola de Gaitas da Deputación de Ourense formará a alumnos da Casa de Galicia en Nova York
Trinta gaiteiros e percusionistas pertencentes á Banda de Gaitas da Casa de Galicia en Nova York asistirán a un curso de formación na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense. Así o confirmou na visita que realiza estes días a Ourense o presidente da Casa de Galicia de Nova York, José Gil, quen visitou a Escola de Gaitas e o Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense, acompañado do seu director, Xosé Lois Foxo, co fin de organizar e coordinar o curso de verán programado para o vindeiro mes de agosto, e que terá como obxectivo perfeccionar os coñecementos dos músicos en gaita e percusión. Os trinta alumnos, membros da Banda de Gaitas da Casa Galicia en Nova York, completarán a súa formación cunha visita didáctica ao Museo de Cornamusas, ubicado na propia Escola Provincial de Gaitas, e asistirán a diferentes eventos musicais que se celebrarán en Galicia, entre eles o XV Filandón de Músicas do Caurel.