Expertos internacionais en innovación, cultura e creatividade reúnense en Ourense na Conferencia internacional sobre "Territorios creativos"

Compartir

Un centenar de expertos en innovación, cultura e creatividade reúnense en Ourense na Conferencia internacional sobre "Territorios creativos", que organiza a Deputación de Ourense no Centro Cultural "Marcos Valcárcel". O presidente provincial, manuel Baltar, foi o encargado de inaugurar esta maña esta xuntanza, que se enmarca no proxecto Imagina Atlántica, financiado polo FEDER a través do programa de Cooperación Territorial Europea Espazo Atlántico. As sesións durarán un día e medio, e nelas debátense aspectos referidos a promoción das industrias creativas e a innovación como potenciais motores de desenvolvemento económico e emprego.

Catro sectores destacan como xeradores de oportunidades para persoas mozas altamente cualificadas: audiovisual, sociedade da información, patrimonio e turismo. A combinación intelixente de iniciativas destes sectores forman os territorios creativos.

Manuel Baltar dixo no seu relatorio que Ourense "é un territorio altamente creativo e especialmente activo nos eidos da imaxinación, as artes e a cultura con maiúsculas; un lugar moi acaído, sen dúbidas, para acoller esta conferencia". Baltar destacou que o proxecto "Imagina Atlántica" pretende "estimular novos nichos de produtividade baseados no coñecemento e no contido social e cultural dos territorios, compartindo experiencias que permitan dinamizar social e economicamente os nosos ámbitos".

A conferencia conta coa participación de expertos en innovación, cultura e creatividade, e de profesionais e artistas que desenvolven o seu labor nas novas tecnoloxías.

A Deputación de Ourense presenta na conferencia un proxecto piloto da Ribeira Sacra que permitirá mellorar a experiencia dos seus visitantes a través dunha aplicación descargable gratuitamente en tablets e smartphones, dispoñible proximamente en Google Play e Apple Store. Trátase de promover o patrimonio cultural do territorio a través de novas tecnoloxías, de modo que mellore a súa oferta turística.

Tamén o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia participan no proxecto e na conferencia, acompañando á Deputación de Ourense no desenvolvemento de novas oportunidades para os mozos e na consolidación da provincia de Ourense como un polo de atracción de industrias creativas.

Anticipándose ás prioridades que a Unión Europea marcou para o período 2014-2020, Imagina Atlántica e esta conferencia amosan como a saída da crise en Europa pasa polas políticas públicas de apoio á innovación. Unha parte moi importante dos futuros fondos europeos estará destinada a estas políticas.

Este proxecto está liderado pola Communauté d´Agglommeration du Grand Angoulême en Francia e conta con socios en España, Portugal e País de Gales.