A exposición Descubre Padrenda exhibe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a riqueza paisaxística e histórica do municipio
Ourense, 29 de marzo de 2016.- O Concello de Padrenda promociona os seus principais recursos cunha exposición cultural titulada "Descubre Padrenda" que consiste nun libro e fotografías realizadas por Alfonso H. Gómez Viso e subvencionada pola Deputación de Ourense, que se pode visitar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" ata o vindeiro domingo, 3 de abril. Esta mostra fai un percorrido por elementos básicos da historia do municipio como é a súa condición de "concello da raia" e o peso que o estraperlo ou contrabando, basicamente de café e plátanos, tivo na súa economía.
Outra das cuestións que promociona esta exposición son as súas rutas de sendeirismo, destacando a do río Barjas/Troncoso declarada primeira Reserva Fluvial Internacional de Europa (xunto co río Laboreiro) no ano 2014, a Ruta dos Muíños I e III do río Gorgua en plena Rede Natura 2000. Asemade, móstrase como o Concello de Padrenda forma parte do itinerario cultural e relixioso do Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro.
Dentro da exposición, tamén hai un espazo dedicado ás diferentes actividades deportivas que teñen lugar no municipio, como a 1ª Andaina e a convivencia Internacional de Padrenda que se celebrará o día 1 de maio, a BTT de "Padrenda Bike" que se celebrará o 22 de maio, o "Trail Internacional de Ramboia" GMTA, que se celebrará o día 4 de setembro , e a Gala de Padrenda contra o Cancro o 4 de xuño.