A exposición "Pure Pop Art" do Centro Cultural "Marcos Valcárcel", 2.000 visitas en menos dunha semana
- Os domingos de novembro as salas abrirán en horario de mañá e tarde.
A exposición "Pure Pop Art: fascinación polo trivial" que se pode visitar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, superou aos poucos minutos de abrir esta mañá as 2.000 visitas, cando aínda non leva unha semana aberta ao público.
Esta mostra, na que están representados os autores máis significativos do pop art mundial, ten unha media de visitas diarias que ronda as 300 persoas e ofrece como complemento unha visita guiada á exposición tódolos días, ás 18:30 horas. Ademais, previa cita, pódense concertar visitas de centros escolares.
Promovida pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Cum Laude e a Fundación MBA -propietaria da colección- a exposición poderá visitarse até o día 15 de decembro. Ademais, dada a elevada demanda de visitantes –moitos deles procedentes de fora de Ourense- as salas de exposicións do centro cultural abrirán os domingos deste mes de novembro en horario de mañá e tarde (11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas).
Pure Pop Art recolle 104 obras dos mestres desta corrente artística de mediados do Século XX, como Andy Warhol, Roy Lichtenstein, Steve Kaufman, Keith Haring, Robert Rauschenberg, Mel Ramos, Pietro Psaier e Robert Indana.