Exposición solidaria no "Marcos Valcárcel", promovida pola Fundación Artiaga
- Antonio López, Artiaga, Ignacio Basallo, Quintana Martelo ou Vari Caramés son algúns dos creadores que exhiben obras na mostra.
Ourense, 10 de maio de 2018.- Un nutrido grupo de grandes artistas expoñen a súa obra na exposición AAN in ART, promovida pola Fundación Artiaga e que se inaugurou este xoves no centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. Os asistentes poden ver obras de creadores consagrados como Antonio López, Xosé Artiaga, Quintana Martelo, Luis Seoane, Caxigueiro, Varia Caramés ou Lomarti, entre outros, con pezas que van dende a pintura, á escultura, debuxo, fotografía, gravado ou instalación. Mención especial merece a presenza do ourensán Ignacio Basallo, que trae ao centro cultural da Deputación medio cento de pezas nas que amosa a capacidade poética da súa obra así coma o dominio dos diferentes materiais empregados. Pouco propenso a realizar exposicións, a obra de Ignacio Basallo nesta mostra é una ocasión especial e singular para gozar do seu traballo.
A Fundación Artiaga ten como obxectivo buscar a mellora na calidade de vida das persoas a través da arte. Estre os seus programas ten o chamado Programa AAN (Axuda ao animal necesitado) co que busca fondos para atender a animais que precisan asistencia e que se financia a través da solidariedade.
Xosé Artiaga, presente na inauguración, agradeceu a todos os artistas colaboradores a súa xenerosidade e, especialmente, á Deputación de Ourense o apoio incondicional para facer posible esta mostra. O vicepresidente da institución, Rosendo Fernández, deixou patente o compromiso do goberno provincial coa cultura e con aqueles que traballan a prol dun mundo mellor.