A figura de "galeguista universal" de Ben-Cho-Shey, posta en valor nun libro sobre a súa vida

Compartir

  • Deputación de Ourense e Auga Editora publican "esta homenaxe a Ourense e a un dos grandes das nosas letras", afirma Manuel Baltar, salientado o traballo do autor, Paco López-Barxas, "que pon en valor a Xosé Ramón Fernández Oxea, a súa obra e a súa altura intelectual".

  • O autor reivindicou para Ben-Cho-Shey, "un dos grandes esquecidos da nosa literatura", "o Día as Letras Galegas en 2021, ano no que se cumpre o centenario do seu pseudónimo, que naceu na Guerra de Marrocos nas súas Crónicas de Marruecos.

  • Ben-Cho-Shey inédito recolle en 230 páxinas textos, fotografías, documentos e un importante epistolario, "a crónica dunha amizade, unha obra feita por amor á nosa cultura e ao gran personaxe que foi Ben-Cho-Shey", dixo o editor Xosé A. Perozo.

Ourense, 25 de setembro de 2019.- A gran figura do "galeguista universal" que foi Ben-Cho-Shey ponse de relevo nun libro sobre a vida e obra deste intelectual ourensán. A Deputación de Ourense e Auga Editora publican "esta homenaxe a Ourense e a un dos grandes das nosas letras", afirmou o presidente da institución provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación, hoxe, no Pazo Provincial, salientado o traballo do autor, Paco López-Barxas, "que pon en valor a Xosé Ramón Fernández Oxea, a súa obra e a súa altura intelectual".

Baltar comentou que o pasado ano cumpríronse tres décadas do pasamento de Xosé Ramón Fernández Oxea, "razón pola cal a Deputación de Ourense tomou a decisión de nomear 2018 Ano de Ben-Cho-Shey, pseudónimo co que pasou á historia este importante personaxe da ourensanía, de gran valor humano e intelectual". O presidente do goberno provincial dixo que Ben-Cho-Shey, xornalista, investigador e intelectual do seu tempo, "foi inxustamente esquecido ou subestimado por determinados sectores e interese culturais, polo que consideramos necesario reinvindicar o seu traballo e a súa voz independente dentro dun período da nosa historia moderna, da que foi testemuña en primeira liña".

"O legado de Xosé Ramón Fernández Oxea é inmenso e de gran calidade", salienta Baltar, "e a maior parte del, o seu arquivo persoal, custodiámolo e conservámolo na Deputación de Ourense; unha obra poliédrica, de dimensións monumentais", e destacou "o gran traballo" realizado por Paco López-Barxas, o autor, que fixo posible "recuperar para a memoria e o coñecemento fotos e textos inéditos moi significativos para seguir reivindicando o incansable labor intelectual de Ben-Cho-Shey", expresou Manuel Baltar.

Pola súa banda, Paco López-Barxas pediu para Ben-Cho-Shey, "un dos grandes esquecidos da nosa literatura", "o Día as Letras Galegas en 2021, ano no que se cumpre o centenario do seu pseudónimo, que naceu na Guerra de Marrocos nas súas Crónicas de Marruecos". O autor definiu a Ben-Cho-Shey como "o embaixador da cultura galega en Madrid", e dixo que o libro "é unha crónica da amizade que nos uniu a ámbolos dous", destacando que a súa casa na capital de España "foi sempre un centro de reunión de moitas xeracións", un intelectual do que dixo "foi máis importante a súa vida que a súa obra", destacando o importante papel que xogou Xosé Ramón Fernández Oxea dentro do galeguismo. "Foi unha persoa de acción, de verbo e de adxectivo, sen a cal non sería posible explicar a Galicia actual", comentou López-Barxas.

A publicación, Ben-Cho-Shey inédito, recolle en 230 páxinas textos, fotografías, documentos e un importante epistolario, "unha obra feita por amor á nosa cultura e ao gran personaxe que foi Ben-Cho-Shey", dixo o editor Xosé A. Perozo, quen entregou ao presidente da Deputación o cadro orixinal, obra de Isabel Pintado, que ilustra a portada do libro. O editor avanzou que a vindeira semana a obra estará xa a disposición das bibliotecas e centros educativos da provincia de Ourense.

O libro conta a historia de Xosé Ramón Fernández Oxea, que é tamén a historia dun dos integrantes sobranceiros da Xeración Nós –xunto a Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas e Castelao-, en tanto que mestre e conferenciante, etnógrafo e historiador, xeógrafo e arqueólogo, bibliófilo e xornalista, prosista e poeta, defensor da lingua e notario de Santa Marta de Moreiras, cumio da súa obra. Así, dende a súa veciñanza en Madrid, complicidade de amigo e compartindo raizame ourensán, o autor da obra achéganos ao Ben-Cho-Shey abandeirado da ourensanía máis galega e universal do século XX.