Fomento valora "moi positivamente" o programa "Estacións" do Inorde polo impacto turístico e dinamizador que ten no rural ourensán

Compartir

  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse hoxe en Madrid co director xeral de Patrimonio de ADIF para analizar as consecuencias positivas que está a ter a recuperación de antigas estacións ferroviarias da provincia para usos culturais, sociais e museísticos.

Madrid, 2 de setembro de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, reuniuse hoxe en Madrid co director xeral de Patrimonio de ADIF, Jorge Segrelles, e coa directora xeral de Recursos Humanos da entidade, Alicia Portas, para analizar o Programa "Estacións", "un proxecto que o Ministerio de Fomento valora moi positivamente, tendo en conta o impacto turístico e dinamizador que tivo no rural ourensán a recuperación de antigas estacións de ferrocarril", afirmou o presidente do goberno provincial.

O Programa "Estacións" permitiu converter edificios que se atopaban en estado de abandono en infraestruturas para uso cultural, social, museístico e turístico, co evidente impacto que isto está a supoñer para as contornas nas que se asentan. En concreto trátase das estacións dos Peares, Santa Cruz de Arrabaldo, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Campobecerros e Vilavella.

O novo uso destas instalacións, rehabilitadas polo Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) permite construír novos itinerarios turísticos e afianzar a medio prazo unha estrutura socio-cultural que da pulo ás comarcas onde se sitúan as ditas infraestruturas ferroviarias.

Das seis estacións ás últimas en rematar a súa rehabilitación foron as de Baños de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo. No que atinxe á estación de Baños de Molgas as obras consistiron no acondicionamento interior e exterior dunha carpa acristalada, equipada para a realización de eventos, que permite contar cun espazo complementario para o desenvolvemento das actividades do Museo Moncho Borrajo, que na actualidade ten a súa sede na antiga estación de Baños de Molgas.

Na estación de Santa Cruz de Arrabaldo realizáronse obras de musealización para o Centro de Interpretación do Traxe Folclórico Galego e un obradoiro de fabricación de liño con métodos tradicionais. Asemade, as instalacións albergan un espazo para a Fundación Estanislao Reverter e o Centro interpretación da historia do automóbil e do coche clásico.

Manuel Baltar destaca a recuperación para usos culturais das antigas estacións de ferrocarril afirmando que algúns destes inmobles "posúen valores culturais recoñecidos que son obxecto de protección, como a antiga estación de Santa Cruz de Arrabaldo, ben inmoble incorporado ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia".

Ademais, o presidente provincial afirma que o uso cultural que se lle da as antigas estacións "potencia tamén o coñecemento da nosa historia e das nosas tradicións, así como das expresións artísticas e creativas e da actividade industrial".