A Fundación "Blanco Amor" conmemora o XL aniversario do pasamento do escritor

Compartir

  • A entidade organiza con motivo desta efeméride diversas actividades que inclúen o fallo do XXXVIII Premio de novela longa "Eduardo Blanco Amor", a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, unha exposición e unha mesa redonda, "actos cos que a fundación continúa a homenaxear a un dos xigantes das nosas letras", afirma Manuel Baltar.

Ourense, 23 de outubro de 2019.- A Fundación "Eduardo Blanco Amor" conmemora o XL aniversario do pasamento do autor de A Esmorga cun amplo programa de actividades que inclúe o fallo do XXXVIII Premio de novela longa, a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, unha exposición e unha mesa redonda. A presentación das actividades tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense e presidente da Fundación, Manuel Baltar; o director da fundación, Luis González Tosar; e a padroa da fundación, Maribel Outeiriño.

O presidente do goberno provincial dixo que con estas actividades -que se desenvolverán entre os meses e novembro e decembro- "a fundación quere continuar a homenaxear a un dos xigantes das nosas letras, lembrando a súa personalidade, traxectoria, o seu compromiso e a súa obra, poñendo o foco en Blanco Amor como referente literario e tamén no ámbito persoal; un dos grandes da ourensanía", dixo. Manuel Baltar expresou que esta é "unha lembranza de Blanco Amor corenta anos despois da súa desaparición física, que non intelectual, xa que o noso labor como fundación é contribuír a axigantar aínda máis a súa figura, de maneira permanente".

A Fundación Blanco Amor, "unha das máis recentes en canto a fundacións de autor, de escritores relevantes na literatura galega e española", sinalou Luis González Tosar, e naceu coa misión de "reparar o silencio que existía ao redor da figura de Blanco Amor e poñela no lugar que lle corresponde", explicou, lembrando que "moi poucas cidades teñen a sorte de contar cunha figura literaria que as eleve á alta categoría intelectual das letras, como é o caso de Blanco Amor con Ourense", e afirmou que o autor de A Esmorga foi "un escritor incómodo en todos os aspectos: social, político e literario".

Ademais, Luis González Tosar avanzou que a fundación vai a propoñer un evento literario de ámbito internacional, "porque Blanco Amor é patrimonio da literatura con maiúsculas, un referente para moitos críticos, estudosos e escritores", evento que o presidente da Deputación de Ourense confirmou que será unha realidade en 2020, "ano en que Ourense conmemorará os cen anos do primeiro número da revista Nós, un ano netamente ourensán", remarcou Baltar.

Programa de actividades

As actividades comezarán o 23 de novembro, ás 13.00 horas, co fallo da XXXVIII edición do Premio de novela longa "Eduardo Blanco Amor", convocado pola Deputación de Ourense e a fundación. Posteriormente, o día 29 de novembro, ás 12.00 horas, celebrarase a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, na que participarán o Centro PEN Galicia, o IES Eduardo Blanco Amor, a Fundación "Eduardo Blanco Amor", a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia.

O 30 de novembro, ás 12.00 horas, as actividades trasladaranse ao centro cultural "Marcos Valcárcel", onde terá lugar a inauguración da exposición "Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor. Debuxos de Siro e mostra bibliográfica de Carlos Laiño". Maribel Outeiriño agradeceu a Siro que prestase os seus debuxos para a exposición e os doase á fundación, ao igual que a Carlos Laiño porque "o seu traballo de recompilación revalorízase co seu xesto xeneroso de doalo á fundación", destacando a colección bibliográfica de Laiño como "a máis importante que hai sobre Blanco Amor". Ademais, da exposición, ese mesmo día, ás 20.30 horas, o Liceo de Ourense acollerá a cea literaria de entrega do XXXVIII premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.

O 12 de decembro, ás 19.00 horas, celebrarase no centro cultural "Marcos Valcárcel" unha mesa redonda baixo o título "Eduardo Blanco Amor 40 anos despois". E, como peche das actividades, o 16 de decembro, ás 12.00 horas, terá lugar a presentación do catálogo e o peche da exposición no centro cultural "Marcos Valcárcel".