A Fundación "Blanco Amor" programa para 2018 exposicións sobre o autor e achegará ao público a súa faceta epistolar, xornalística e fotográfica
- O padroado da fundación, reunido hoxe baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a memoria de actividades para o vindeiro ano e o nomeamento de directivos.
- Con motivo do 38º aniversario do pasamento do escritor, celebrouse na campa do cemiterio de san Francisco a tradicional homenaxe, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense e no que participaron alumnos do IES "Blanco Amor" e o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar.
Ourense, 1 de decembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe en calidade de presidente da Fundación "Eduardo Blanco Amor" a reunión que celebrou o seu padroado e na que se aprobou a memoria de actividades para 2018, o logotipo da fundación, o regulamento de réxime interno e os nomeamentos de directivos da fundación, sendo designado director Luis González Tosar, presidente do PEN Galicia, e secretaria Ángeles Fernández Pérez, funcionaria da biblioteca da Deputación de Ourense, así como unha comisión executiva da que forman parte o presidente, Manuel Baltar; o vicepresidente, Eduardo Camilo Bóveda Sebastián, o director e outros membros do padroado. Tamén quedou facultado o presidente para designar á persoa que desenvolva as funcións de administrador económico.
A memoria de actividades aprobada para 2018 inclúe exposicións, publicacións "e sobre todo a filosofía de chegar á poboación máis nova, a colexios, institutos e outros centros educativos que están a amosar interese pola literatura e que vén a Eduardo Blanco Amor como un referente neste ámbito", afirmou Manuel Baltar.
A Fundación "Blanco Amor" ten como finalidade levar a cabo actuacións que difundan a obra deste autor, a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura, do xornalismo, das artes, abordados polo autor e polos investigadores da súa obra, entre outras liñas de actuación. Nese sentido, en 2018 realizaranse as exposicións: "EBA. Retratos Siro. Achegas para unha iconografía blancoamoriana", que inclúe retratos inéditos de Blanco Amor; "Bibliografía blancoamoriana" do fondo Carlos Laíño; e unha mostra multimedia e de libros, revistas, cartaces, prensa e filatelia; exposición de fotografías "Blanco Amor en Ourense". Asemade, no referido ás publicacións editaranse en co-edición coa Deputación de Ourense publicacións sobre Blanco Amor nas súas facetas de xornalista, fotógrafo e tamén no ámbito epistolar, e organizaranse as xornadas "A esmorga, lectura cinematográfica" e "Blanco Amor e os seis poemas galegos de Lorca".
Homenaxe no cemiterio de san Francisco
Posteriormente á reunión do padroado e con motivo do 38º aniversario do pasamento do escritor ourensán, celebrouse na campa do cemiterio de san Francisco a tradicional homenaxe ao autor, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e no que participaron alumnos do IES "Blanco Amor" e o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar. No acto, no que integrantes da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretaron a Alborada de Veiga e o Himno galego, varios estudantes deste centro educativo leron poemas creados por eles, inspirados na poesía de Blanco Amor.
Luis González Tosar destacou que a Academia Arxentina das Letras "se suma a este acto de homenaxe para honrar, como facemos hoxe aquí, a quen foi gloria da literatura galega", e agradeceu aos alumnos do IES "Blanco Amor" a súa participación afirmando: "Sodes a semente de Blanco Amor en Ourense porque o honrades cos vosa poesía e transmites, como el, emoción e sentimento".