Moción na Deputación para esixir ao Goberno o reforzo de medios materiais e humanos da Garda Civil na provincia de Ourense
O PP defende unha moción na Deputación para
esixir ao Goberno o reforzo de medios materiais e
humanos da Garda Civil na provincia de Ourense
“Confiamos en que esta iniciativa saia adiante porque é de interese xeral para a
provincia e a xente sobre todo do rural está moi preocupada. Esta moción é de vital
importancia porque estamos a falar de seguridade e de protección”, explica a voceira
dos populares, Patricia Torres
O secretario provincial da asociación de gardas civís Jucil, Luis Sousa
Alonso, explicou que “esta moción reflicte o que pedimos desde hai
anos, que é material e persoal suficiente para poder atender á
veciñanza”
O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos expresou que “queremos
que se aposte polo rural en maiúsculas e que non se pechen os
cuarteis. A xente debe sentirse amparada e o apoio á Garda Civil é
clave”
A seguridade cidadá é un dos piares fundamentais para garantir a convivencia, o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas de calquera provincia.
O labor que realiza a Garda Civil nos nosos concellos, especialmente naqueles de ámbito rural ou con menor densidade de poboación e fundamental, dado que hai moito núcleo de poboación con só un ou dous veciños e que normalmente son de idade avanzada, facéndoos moito mais vulnerables a todo tipo de delitos e ameazas.
Resulta esencial a presenza da Garda Civil para previr o delito, protexer á poboación e asegurar o cumprimento da lei, ademais da súa labor social, o estar pendentes dos veciños ante calquera eventualidade.
Por outra banda, nos últimos anos, diversos municipios experimentaron un incremento de poboación, un aumento do tránsito de persoas ou un incremento de situacións que requiren dunha maior presenza e capacidade operativa dos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Neste contexto, o persoal da Garda Civil destinado na nosa provincia resulta insuficiente para cubrir as necesidades de vixilancia, atención cidadá e actuación inmediata, dada a redución de efectivos e a creación de novos servizos, non dotados de persoal, polo que membros do servizo de seguridade cidadá, agora teñen que atender as novas obrigas, diminuíndo o persoal asignado a esas labores facendo que aumente considerablemente o tempo de actuación ante emerxencias ou situacións de risco, facendo que moitas veces sexa tarde ou sexa precisa a intervención dos veciños.
Así mesmo, constatáronse dificultades derivadas da escaseza de recursos materiais, como chalecos antibalas, munición, etc. e humanos, como xa dixemos anteriormente, pero agravándose aínda máis na temporada estival, cando os propios axentes desfrutan das súas merecidas vacacións, o que repercute negativamente na eficacia do servizo prestado.
Un capítulo aparte merece o acontecido no apagamento na península ibérica, cando a interrupción na subministración eléctrica que ocorreu o luns 28 de abril de 2025 ás 12:33 e localizado principalmente na península ibérica, así como en menor grao en zonas do sur de Francia, deixou a máis de 50 millóns de persoas afectadas, sendo un corte de electricidade sen precedentes provocando que a meirande parte dos cuarteis e postos da Garda Civil non tivera subministro eléctrico, deixándoos inoperativos o estar incomunicados nunha situación de emerxencia máxima, o que levou a unha serie de sucesos derivados, cobrándose a vida de 8 persoas.
Aumentar os efectivos e recursos da Garda Civil permitiría mellorar substancialmente a seguridade, incrementar a capacidade preventiva e disuasoria, e reforzar a confianza da cidadanía nas institucións públicas.
No caso de Cataluña, coa supresión do SEPRONA e de determinadas unidades de Intervención de Armas nalgunhas zonas supoñerá unha notable diminución na capacidade de resposta ante emerxencias ambientais.
Esta decisión conleva unha redución significativa nos labores de vixilancia e protección do medio natural, así como unha perda de control sobre a tenencia e o uso de armas e explosivos, como xa expuxo a Asociación Profesional da Garda Civil.
Ante esta situación incrementase a vulnerabilidade fronte a episodios de contaminación ambiental, debilita a protección dos espazos naturais e facilita a proliferación de actividades ilegais como a caza furtiva.
Así mesmo, obriga a outros corpos de seguridade a asumir funcións adicionais, o que incrementa a súa carga de traballo e reduce a súa capacidade operativa e o que nos tememos e que esta política de supresión de unidades acabe estendéndose a outras comunidades autónomas, coa preocupación de que esta decisión se traslade a Galicia.
A este panorama súmase a especialidade do Servizo Fiscal e de Fronteiras, e a redución de efectivos, cuxa labor resulta igualmente fundamental, especialmente en provincias coma a nosa, con mais de 200 km de fronteira con País veciño e afectando directamente a 17 concellos.
A Garda Civil conta con axentes especializados que velan polo cumprimento da lexislación en materia de inmigración e aduanas, supervisando o tránsito de persoas e vehículos nos puntos fronteirizos. Ademais, desempeñan un papel crave na loita contra o contrabando de mercadorías, como tabaco, alcol e produtos falsificados, así como na prevención do narcotráfico, o tráfico de armas e de persoas, e o branqueo de capitais.
En virtude de todo o exposto, o Grupo Provincial Popular propón ao pleno os seguintes
ACORDOS:
Instar o Ministerio do Interior a que, en coordinación coa Dirección Xeral da Garda Civil, proceda a reforzar de maneira prioritaria os efectivos asignados na provincia de Ourense.
- Solicitar o Ministerio do Interior o incremento e mellora de recursos materiais, medios técnicos e de seguridade destinados aos cuarteis e postos da Garda Civil que prestan servizo na nosa provincia, co fin de mellorar a seguridade dos propios axentes, así como a súa operatividade e capacidade de resposta.
- Instar ao Goberno de España a dotar a todos os postos e cuarteis de Garda Civil de sistemas de subministración eléctrica de emerxencia, para que ante calquera eventualidade, xa sexa meteorolóxica, enerxética, etc. podan seguir prestando os servizos con normalidade en situacións de crise.
- Informar á cidadanía da aprobación desta moción e das accións emprendidas para garantir unha maior presenza de efectivos e mellora dos servizos de seguridade, así como de protección da natureza.
- Dar traslado da presente moción, unha vez aprobada, ao Ministerio do Interior, á Delegación do Goberno en Galicia, á Dirección Xeral da Garda Civil e aos Concellos da provincia de Ourense.