O grupo do PP na Deputación de Ourense lamenta o espectáculo vergoñento e covarde que ofrece o voceiro do PSOE
Ignacio Gómez convoca unha rolda de prensa para lanzar acusacións contra os deputados populares pero sen ofrecer probas, nin nomes, nin cifras, nun exercicio de absoluta demagoxia, carente de rigor e credibilidade
O grupo do Partido Popular na Deputación de Ourense lamenta o espectáculo covarde e vergoñento que unha vez máis volve dar o voceiro do grupo socialista na Deputación, Ignacio Gómez, instalado na destrución permanente, o que demostra o encefalograma plano no ámbito político que ten o PSOE no que atinxe a propostas e proxectos de provincia.
A este respecto, en relación á rolda de prensa ofrecida hoxe por Ignacio Gómez afirmamos que foi unha convocatoria “para lanzar pedras e esconder a man, como adoita facer, pois convoca aos medios para lanzar acusacións contra os deputados populares en relación ás súas declaración de bens, pero sen ofrecer probas, nin nomes, nin cifras, nun exercicio de absoluta demagoxia, carente de rigor e credibilidade”.
A pesares da insistencia dos xornalistas Ignacio Gómez non foi quen de dar ningún nome dos deputados aos que acusa e volveu escenificar o que adoita facer sempre: absoluta demagoxia para escoitarse a si mesmo.
Asemade, os populares lamentan tamén o escaso interese e a falta de preparación que amosa Ignacio Gómez ao falar dos contratos referidos ao proxecto Innova Emprego, pois confunde contratos laborais con contratos administrativos de servizos, que son os que fixo a Deputación dentro deste proxecto para contratar a profesionais, aos cales non se lles realiza ningún contrato de carácter laboral e non existe vinculación deste tipo coa Deputación de Ourense.
Neste senso, a relación que vincula ao profesional coa institución é un contrato administrativo de servizos, e á finalización da súa colaboración, estes profesionais emiten unha factura contra Deputación de Ourense polo número de horas impartidas.
Este tipo de contratos administrativos de servizos esixen, por lei, como requisitos para a súa realización: autorización de gasto e factura. Por elo, a realización dunha convocatoria pública é un requisito de transparencia que se realiza voluntariamente por parte da Deputación de Ourense.
O proceso que se segue para este contrato administrativo é o seguinte:
Realízase unha convocatoria pública a través de diarios de ampla difusión provincial.
- Os interesados cobren un formulario e entregan no Rexistro a solicitude xunto coa documentación complementaria.
- Os interesados asisten necesariamente a unha xornada, de 1 hora de duración, onde se lles explica en que consistiría a súa colaboración.
- Os interesados realizan unha entrevista para poder concretar aspectos como dispoñibilidades horarias e xeográficas.