O grupo popular aposta pola creación en Ourense do centro de interpretación da Vía da Prata-Camiño Mozárabe
A apertura deste espazo na capital da provincia, declarou o deputado de Cultura, Manuel Doval, “serviría como pulo ao atractivo turístico que xera este camiño, sobre todo de cara ao Xacobeo do 2021, e que pon en valor o patrimonio histórico, cultural e natural de todas as zonas ourensás polas que discorre”.
A Deputación de Ourense quere liderar a posta en marcha do centro de interpretación da Vía da Prata-Camiño Mozárabe, polo que pedirá á Xunta de Galicia que inclúa nas accións de goberno que proxecte de cara ao Xacobeo 2021 a creación deste espazo na capital da provincia. Esta é a proposta que o grupo provincial popular levará ao pleno de abril “como pulo ao atractivo turístico que xera este camiño e que pon en valor o patrimonio histórico, cultural e natural de todas as zonas ourensás polas que discorre”, declarou o deputado de Cultura, Manuel Doval.
Ourense, explicou o deputado, “é unha parte fundamental da Vía da Prata, o trazado de peregrinación máis longo de Galicia, pois é a porta de entrada a terras galegas e atravesa 28 concellos da nosa provincia, desde A Mezquita ata Piñor”.
Para Doval, a celebración do próximo Ano Xacobeo, no 2021, preséntase como unha gran oportunidade para impulsar a promoción deste camiño, “sendo o punto de partida a creación do centro de interpretación, que ofrecería a peregrinos, turistas e visitantes en xeral un espazo para o coñecemento en profundidade dun trazado que atravesa durante preto de 1.000 quilómetros toda a parte meridional da xeografía española, percorre oito provincias e catro ciudades que son Patrimonio da Humanidade”.
A proposta do grupo provincial popular situaría este centro no entorno do casco histórico da capital, facilitando a Deputación unhas axeitadas instalacións que, ademais, servisen para desenvolver toda clase de actividades que axuden a difundir este itinerario de peregrinación, o único de relevancia que carece en Galicia dun centro destas características.
A súa ubicación en Ourense, incidiu Manuel Doval, “axudaría, sen dúbida, a desenvolver accións de conservación, difusión e posta en valor deste camiño ao seu paso pola provincia, o que tamén tería a súa repercusión na actividade económica dos municipios que atravesa”.