O grupo provincial do PP denuncia a incoherencia dos socialistas ao invocar o Código Ético cuxa aprobación rexeitaron
O grupo provincial do Partido Popular criticou a incoherencia dos socialistas ao invocar o Código Ético da Deputación para fins electorais, a pesar de rexeitar participar na súa elaboración. O deputado Pablo Pérez destacou que os socialistas demostran descoñecemento sobre o funcionamento do Comité de Ética e acusounos de buscar réditos políticos en vez de velar polos intereses da cidadanía. O PP sostén que esta estratexia non terá éxito e instou aos socialistas a dar contas á sociedade ourensá.
O grupo provincial do Partido Popular de Ourense quere poñer de manifesto “a máis absoluta incoherencia mostrada polo grupo socialista ao invocar o Código Ético da Deputación, co fin de abordar un tema estritamente persoal e co único fin de obter réditos electorais”, afirma o deputado popular Pablo Pérez, quen asegura que a incongruencia dos socialistas queda patente ao recorrer a un Código Ético “en cuxa elaboración non quixeron participar”. Os socialistas, lembra o deputado, rexeitaron a invitación formulada no seu día desde o goberno provincial para que realizasen as súas achegas ao documento, votando incluso na súa contra na sesión plenaria do 30 de abril de 2014.
O máis absoluto descoñecemento do Código Ético e do seu funcionamento queda patente, di Pablo Pérez, “ao solicitar o presidente da institución provincial unha reunión do Comité de Ética -encargado de velar polo cumprimento do devandito código-, cando en realidade trátase dun órgano independente do que non forma parte a presidencia e sobre o cal carece de competencias para a súa convocatoria”. Dado o nulo coñecemento que demostran os socialistas do Código Ético ao que tanto aluden, o deputado lémbralles que o artigo 13 tamén establece compromisos e responsabilidades que deben asumir os membros da oposición, como “exercer responsable e construtivamente a oposición política (…),con lealdade institucional e procurando (…) o maior benestar da cidadanía”.
As continuas contradicións nas que incorren os socialistas poñen ao descuberto, sinala Pablo Pérez, a verdadeira “ética electoralista” do grupo da oposición, que non é outra que tentar obter o maior rédito electoral das súas accións na Deputación, “moi lonxe dos intereses e benestar da cidadanía, como así demostraron ao abandonar a sesión plenaria do pasado 29 de outubro deixando claro que non lles interesaba ningún dos asuntos incluídos na orde do día”.
Para o grupo provincial do Partido Popular esta estratexia electoralista non terá froito algún e que os socialistas haberán de explicar á sociedade ourensá as súas incoherentes accións, recorrendo como fixeron a iniciativas do grupo popular que nunca tiveron e das que tampouco quixeron participar.