O grupo provincial popular defenderá a ubicación en Riós do Centro Nacional de Referencia para o Castaño que proxecta o Goberno
Unha moción para o seu debate no pleno de xullo aposta por este proxecto dado “o valor e a importancia do castaño e do seu froito no desenvolvemento do noso territorio”.
A deputada Ana Villarino subliñou o peso do municipio ourensán no sector e as súas vantaxosas condicións para acoller o citado centro.
“O valor e maila importancia do castaño e do seu froito como eixo estratéxico de desenvolvemento no noso territorio, o labor feito dende a Deputación nos últimos anos a prol deste produto endóxeno e o peso que Riós ten neste sector sitúan a este municipio como a localización idónea para o Centro Nacional de Referencia para o Castaño”. Así resumiu a deputada Ana Villarino o espírito da moción que o grupo provincial popular presentará para o seu debate no pleno ordinario de xullo, e na que se pedirá ao Ministerio de Agricultura que Riós acolla a ubicación deste futuro centro.
“Toda vez que Riós xoga un destacado papel neste cultivo temos a obriga de loitar por este proxecto”, sinalou Ana Villarino, subliñando a situación deste municipio na comarca de Conso-Frieiras, onde a produción ronda os 10 millóns de quilos, é dicir, o 30 % da produción en Galicia e que podería alcanzar ata o 40 % por volumen de negocio xerado, segundo consta en estudos realizados por técnicos desta zona. Ademais, o municipio é o berce das variedades máis apreciadas tanto por consumo en fresco como para a súa transformación.
Neste sentido, Villarino chamou a atención sobre a importancia da iniciativa do Ministerio de Agricultura cara o recoñecemento das distintas variedades de castaña, pois é necesaria a existencia dun centro de referencia para a súa inscrición no Rexistro de Variedades Comerciais e Protexidas.
A moción do grupo provincial incide noutros aspectos a ter en conta, como a existencia dunhas instalacións axeitadas para este proxecto no actual Centro de Desenvolvemento Agroforestal ou a ubicación xeográfica do municipio con boas comunicacións por autoestrada tanto co resto de Galicia como coa meseta e co norte de Portugal.
Tamén se citan outras instalacións e elementos de interese tanto materiais como inmateriais, entre eles o Centro de Interpretación da Castaña en Trasestrada, a Ruta Europea da Castaña, a Festa da Castaña e do Cogomelo ou o Campo de Traballo Internacional de restauración de soutos.
Para Ana Villarino, todos estes aspectos técnicos fan de Riós o lugar idóneo para o Centro Nacional Referencia para o Castaño, pero tamén hai outras razóns sociais, culturais ou etnográficas de peso.
A moción, ademáis de solicitar a ubicación do centro en Riós, inclúe a remisión dunha copia do acordo ao presidente da Xunta de Galicia, tendo en conta tamén a aposta da administración autonómica por este proxecto, a través Consellería de Medio Rural, e outras iniciativas como a proposta de creación dunha mesa da castaña ou as axudas para a plantación de castaños.