O PP propón estudar unha modificación das normas que regulan o acceso dos cidadáns aos plenos da Deputación
O PP presenta unha moción para o pleno do 29 de decembro, solicitando a creación dun grupo de traballo que estude a modificación das normas de acceso dos cidadáns ás sesións plenarias da Deputación. A proposta busca garantir un debate efectivo e un mellor control de acceso. O vicepresidente Jorge Pumar apoia a iniciativa.
O grupo provincial do Partido Popular presentou hoxe no rexistro da Deputación unha moción para o seu debate no pleno do 29 de decembro, na que propón o estudo dunha modificación das normas que regulan o acceso dos cidadáns ás sesións plenarias da institución.
En concreto, o PP expón que se constitúa un grupo de traballo dentro da comisión de Transparencia e Administración Provincial, que estaría formado por un representante de cada grupo político. O seu funcionamento, engade a proposta, estaría en liña co sistema de réxime de voto ponderado.
A comisión tería a obriga, segundo a moción popular, de levar ao pleno nun prazo non superior a dous meses o mencionado cambio no regulamento orgánico que regula o acceso presencial ás sesions plenarias.
O vicepresidente da Deputación, Jorge Pumar, sinalou que esta moción responde ao compromiso expresado desde o grupo provincial do PP hai uns días, no que se amosaba favorable ao perfeccionamento do sistema actual de control de acceso aos plenos, “garantindo deste xeito o normal desenvolvemento dos mesmos e, por conseguinte, a tomar de decisións de ámbito provincial e mailo debate de iniciativas políticas”.