O PP proporá cooperar cos concellos para o control e erradicación do gas radón en dependencias municipais
A iniciativa inclúe unha liña de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para realizar un estudo previo que permita coñecer os niveis deste gas nos centros de traballo.
O grupo provincial do Partido Popular proporá ao pleno da Deputación a creación dun programa de cooperación cos concellos que facilite o control e a eliminación do gas radón nas dependencias municipais. Unha iniciativa na que os populares tamén apostan pola colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, que mediante un convenio encargaríase da realización dos estudos previos para desenvolver o citado programa.
A propia Universidade de Santiago, a través do Laboratorio de Radón de Galicia, ten feito xa un estudo no que conclúe que, pola súa situación xeográfica, a provincia de Ourense ten un dos índices de concentración deste gas máis altos dos rexistrados na comunidade galega. En concreto, un de cada tres concellos presenta elevadas cantidades de radón.
A importancia desta iniciativa ven dada polos nocivos efectos que este gas ten para a saúde, mesmo en baixas cantidades, pois está comprobada a súa asociación co cancro de pulmón. A propia Organización Mundial da Saúde xa recoñeceu en 1998 ao radón como axente canceríxeno e desde hai oito anos recomenda reducir a exposición a niveis seguros.
A proposta do grupo popular permitiría aos concellos ourensáns adaptar as súas instalacións á directiva europea que entrará en vigor no 2018 e que establece a obriga de realizar medicións e desenvolver accións que permitan reducir as concentracións deste gas en dependencias municipais.