O voceiro da oposición deixa de novo en ridículo ao grupo provincial dos socialistas
O vicepresidente segundo da Deputación, Jorge Pumar, acusa ao representante do PSOE de manipular e mentir sobre os informes nos que lles resposta a súas propias preguntas sobre as becas Ourense Líder.
Coa súa total falta de rigorosidade no seu traballo, sinala Pumar, “o único que pretende facer, e pésimamente, é xustiticar o soldo máis alto que tivo nunca”.
“Manipular e mentir sobre as becas Ourense Líder, poñendo en dúbida o custo e o seu obxectivo, demostra a nula clase política do voceiro socialista”, afirma o vicepresidente segundo da Deputación, Jorge Pumar, en resposta ás declaración realizadas esta mañá polo representante do PSOE.
Jorge Pumar rexeita con rotundidade as manifestacións do voceiro da oposición por falsear uns datos “a mala fe pese a detallada resposta que se lle deu a unha pregunta formulada o mes pasado, faltándolle ao respecto a este goberno provincial, á sociedade ourensá e utilizando aos medios de comunicación para facer a única política que coñece e que lle define como míster casta”.
O vicepresidente segundo explícalle ao “mentirán oficial “que a Deputación aporta ao programa de becas 103.000 euros que recibirá a Fundación Advanced Leadership como colaboradora, tal e como se aprobou en pleno, entidade que á súa vez cofinancia esta iniciativa con 30.000 euros para o mesmo fin, sendo o total do programa 133.000 euros.
Esta cantidade serve para financiar as becas ofrecidas por un importe individual de 19.000 euros, “que os beneficiarios nunca cobrarán en metálico, senón en conceptos como estanza, traslados, aloxamento ou cursos, entre outros servizos”. Mesmo o vicepresidente segundo sinala que o custo previsto será menor, xa que das sete becas ofrecidas só se pecharon seis.
Engade Pumar o seu asombro ao escoitar dicir ao voceiro “que hai empresas máis preto da provincia para facer prácticas, o que ven de poñer de relevo a súa mezquindade ao negar aos mozos ourensáns a oportunidade de adquirir unha valiosísima experiencia no ámbito internacional”.
O vicepresidente segundo, fronte a incompetencia do deputado socialista, subliña a total transparencia deste programa que para unha completa información pública dispón do seu propio sitio web en lider.depourense.es
“O novo ridículo do deputado –dixo Pumar lembrando que mesmo chegou a negar a visita a Ourense da congresista Loretta Sánchez no momento no que a representante americana pechaba a misión comercial no Mosteiro de Santo Estevo- é un claro exemplo da máis absoluta falta de rigorosidade do seu traballo, xa que con intervencións deste tipo o único que pretende facer, e pésimamente, é xustiticar o soldo máis alto que tivo nunca”.
A ineptitude do voceiro do PSOE, que non é quen de comprender os informes que se lle entregan en resposta as súas propias preguntas, “é unha constante día a día que está a facer un dano irreparable mesmo ao seu concello, onde está a exercer como o peor alcalde que tivo Ribadavia na súa historia, pois nin participa en reunións de máxima importancia convocadas para tratar asuntos que benefician ao seus veciños, como é o caso de La Vuelta a España”.
Aínda máis, dixo, “a súa ousadía non ten límites ao cualificar como chorrada uns feitos polos que a Xunta Electoral de Zona de Ribadavia decidiu abrirlle un expediente sancionador”.