O voceiro mentirán do grupo socialista oculta a súa inoperancia e incapacidade para tomar calquera iniciativa en positivo para os ourensáns
O vicepresidente segundo da Deputación, Jorge Pumar, cualifica de “demagoxia política” as críticas do representante da oposición ás normas de acceso aos plenos.
As sesións, di, “nunca foron máis transparentes, pois están ao alcance de calquera cidadán a través de internet, se repiten varias veces polas televisión locais” e os cidadáns solicitar a asistencia por vía telemática e en persoa por rexistro.
“O voceiro do grupo socialista da Deputación volveu a exercer de mentirán da política ao afirmar que o goberno provincial impide a asistencia dos ourensáns aos plenos ocultando o que alí se decide”, sinalou hoxe o vicepresidente segundo da institución provincial, Jorge Pumar, quen cualificou estas críticas como “unha nova mostra da total inoperancia deste grupo, incapaz de tomar calquera iniciativa”.
Jorge Pumar asegurou que o voceiro socialista utiliza unha vez máis a demagoxia política para sementar dúbidas, pois non fai referencia algunha ao incumprimento de preceptos legais, non mencionan os artigos do regulamento que queren cambiar e menos aínda facer aportacións.
Os grupos políticos con representación na corporación provincial, engadiu Pumar, teñen hoxe máis medios materiais e sobre todo humanos que nunca “polo que resulta incomprensible que cos asesores que ten o grupo socialista non sexan quen de facer propostas en tempo e forma, nin tendo o propio voceiro unha dedicación exclusiva e facendo unha oposición a base de notas de prensa”.
Lembra o vicepresidente segundo que foi o grupo popular o que tomou a iniciativa de regular o acceso aos plenos, referendada mesmo pola Valedora do Pobo, e que a oposición socialista en pleno votou a favor de crear un grupo de traballo con este fin.
“Pero xa non asistiron á segunda reunión nin posteriores desta comisión, sendo o único partido da oposición que non aportou nada, deixando ás claras a súas ganas de traballar”.
Pumar chamou a atención das numerosas incongruencias nas que cae o representante da oposición, “que se atreve a falar de ocultación, de trabas á libre difusión, de actas incompletas e mesmo a tachar de analfabetos dixitais aos ourensáns”.
Os plenos da Deputación de Ourense “nunca foron máis transparentes, pois están ao alcance de calquera cidadán a través de internet, son emitidos en diferido e varias veces por emisoras locais de televisión e pódense ver en calquera momento e lugar a través da web da institución”, lembrou o vicepresidente segundo.
Para Jorge Pumar, o portavoz do grupo socialista “ten unha incompresible aversión ás novas tecnoloxías e só pon continuas trabas ao desenvolvemento da administración electrónica, ata tal punto que afirma que os ourensáns non son quen de rexistrarse telemáticamente para asistir aos plenos, por non falar de que minte unha vez máis ao falar de impedimentos cando, ademáis, tamén poden facelo en persoa no rexistro da Deputación”.