O voceiro socialista minte con descaro ao acusar a un alcalde do PP de impedir a asistencia ao pleno dunha deputada
Unha certificación da secretaria do Concello de Ramirás acredita que a edil e deputada do PSOE non solicitou en ningún momento o cambio de data do pleno municipal, previsto como sempre para o último xoves de mes, malia a convocatoria na corporación provincial.
O voceiro socialista na Deputación de Ourense demostrou esta mañá a súa capacidade para terxiversar a verdade ao acusar a un alcalde do Partido Popular de impedir a asistencia ao pleno ordinario de hoxe dunha das deputadas do seu grupo.
O representante da oposición mentiu co máis absoluto descaro ao afirmar que o PP, por medio do rexedor de Ramirás, impedía a participación da deputada socialista Isabel Gil Álvarez, concelleira no citado municipio, ao convocar un pleno municipal coincidindo co da Deputación.
O grupo popular lémbralle ao portavoz socialista que foi a propia corporación provincial a que, no punto 13.C da orde do día e por unanimidade, aprobou na sesión do 26 de febreiro o cambio de data do pleno correspondente ao mes de marzo para hoxe xoves.
Aínda sendo coñecedores desta modificación, os socialistas non fixeron xestión algunha para garantir a presenza da súa deputada, como así o demostra unha certificación da secretaria do Concello de Ramirás, na que acredita que no rexistro xeral do Concello non se recibiu solicitude algunha da concelleira Isabel Gil para cambiar a data de celebración do pleno ordinario de marzo, cando esta corporación ten fixadas as súas convocatorias para o último xoves de cada mes.
O grupo provincial popular expresa o seu máis absoluto rexeitamento e denuncia a actitude do portavoz socialista, que se instalou no insulto e minte máis que fala, sen ningún tipo de vergoña, para facer oposición, coa única intención de crispar a política provincial e sementando dúbidas contra o equipo de goberno do Partido Popular.