O voceiro socialista na Deputación amosa o máis absoluto descoñecemento da rede provincial de canceiras

Compartir

As instalacións do Concello de Melón non pertencen a esta rede, sinala o deputado do grupo de goberno, Pablo Pérez, que se amosa perplexo por acusar á institución provincial do estado dunha canceira pechada.

A canceira de Melón non pertence á rede provincial da Deputación, afirmou hoxe o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, rexeitando deste modo as acusacións do voceiro do grupo provincial socialista sobre o abandono destas instalación por parte da institución provincial. Unhas palabras que, para Pérez, “amosan o absoluto descoñecemento que o deputado da oposición ten da Deputación”.
Pablo Pérez sinalou que foi o propio Concello de Melón o que no ano 2011 solicitou a incorporación desta canceira á rede provincial, “petición que foi rexeitada ao non reunir os requisitos que se lles estaban a esixir a todas as instalacións”. En concreto, nalquel momento as deficiencias atopadas referíanse a unha serie de desperfectos ocasionados por un temporal. 
Dende entón, engadiu, non se voltou a tramitar solicitude algunha, aínda que nos consta que o concello está á procura de axudas para acondicionar a canceira.
O deputado popular amósase perplexo polo grao de absoluto descoñecemento do que fai gala o voceiro da oposición neste tema, “que non sabe nin dos servizos que presta a Deputación na comarca á que representa”.
Trátase, engadiu Pérez, dunha nova mostra da obsesión que o deputado socialista e alcalde de Ribadavia ten polo Concello de Melón. Proba delo, dixo, son as obras de acondicionamento “que fixo sen licencia e cunha brigada de Ribadavia no campo de fútbol de Melón, con traballos de desbroce, alisado do campo e arranxo dos vestiarios”, actuación recoñecida polos socialistas de Ribadavia nun pleno”. 
Esta acción constitúe “unha eiva moi grave para un representante público, que debería saber que as administracións teñen que cinguir as súas actuacións ao territorio sobre o que ten competencia”. O voceiro socialista e alcalde de Ribadavia, concluíu Pérez, “mira para outros concellos cando xestiona o seu sen atender ás normas básicas da lexislación que regula o réxime local, provocando unha inseguridade xurídica permanente aos seus vecinos”.