O voceiro socialista recorre ás xuventudes do seu partido en Galicia para buscar os apoios que non atopa entre os seus compañeiros ourensáns

Compartir

O deputado do grupo popular, Pablo Pérez, denuncia que o representante da oposición está a confundir o que debe ser o seu labor institucional na Deputación coa política de partido, citando no Pazo Provincial a cargos nacionais e galegos.

O voceiro do PSOE pide apoio ao secretario xeral das xuventudes socialistas, Aitor Bouza, elixido nun congreso no que o 45 % dos delegados pediron a impugnación e repetición do mesmo “por vulnerar os dereitos dos militantes da organización”

“O mentirán oficial do grupo socialista, tal e como aprobou o último pleno da Deputación, segue a dar mostras da súa máis absoluta soidade ao ter que recorrer, unha vez máis, a buscar fora de Ourense os apoios que nin atopa nin lle prestan os seus compañeiros, desta volta no entorno das xuventudes dos socialistas galegos”, manifestou esta mañá o deputado do grupo provincial Pablo Pérez.

O voceiro do PSOE, que trala súa reprobación despreza aínda máis á Deputación acudindo menos tempo que nunca a institución, da que cobra unha dedicación exclusiva, confunde totalmente o que debería ser o seu labor na institución provincial coa política de partido, subliñou Pérez.

Así, engadiu, “o representante da oposición está a citar na Deputación a cargos nacionais, galegos e, agora, das xuventudes en Galicia, para continuar sementando dúbidas inadmisibles sobre o goberno provincial, xa que non ten nin idea do que é presentar iniciativas e propostas que realmente axuden ao desenvolvemento da provincia.

Ao contrario, puntualizou o deputado popular, a súa única estratexia “é presentarse, agora sempre acompañado, no Pazo Provincial para segundo di falar da actualidade das xuventudes socialistas, que tamén amosan un bo criterio ao ter como referente a un deputado que, como quedou acreditado, só sabe utilizar a mentira como argumento político”. A este paso, ironizou, “non sería estraño verlle acompañado a próxima vez do presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz”.

Aínda máis, dixo Pérez, o voceiro socialista amosa unha nula visión política xa que comparece diante dos medios, nunha convocatoria chea de erros, “co secretario xeral das xuventudes socialistas, Aitor Bouza, elixido nun congreso no que o 45 % dos delegados pediron a impugnación e repetición do mesmo por vulnerar os dereitos dos militantes da organización”.