Petición á Xunta a declaración de zona catastrófica para as catro denominacións de orixe da provincia pola seca e as xeadas
O grupo provincial do PP solicitará no pleno de abril que a Xunta declare como zona catastrófica as denominacións de orixe Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, tras a seca e xeadas recentes. Ademais, pedirán habilitar axudas para paliar os danos, que poderían chegar ao 100 % da produción vitivinícola.
O grupo provincial popular presentará mañá pola vía de urxencia unha moción para o seu debate no pleno ordinario de abril na que solicita á Xunta de Galicia a declaración de zona catastrófica para as catro denominacións de orixe da provincia, como consecuencia da seca dos últimos meses e das xeadas rexistradas nestes días. Condicións meteorolóxicas que se prevé que se poidan repetir nos vindeiros días, o que ocasionaría unha merma importante nas producións e nos rendementos que en moitos casos poderá chegar preto do 100 %.
Os populares lembran que dende fai varios anos non acontecían condicións meteoróloxicas semellantes e os danos producidos están a ser cuantiosos ao darse unha situación pouco previsible, polo que considera que a Xunta de Galicia debe habilitar unha batería de axudas para facer fronte a ditos danos e adoptar as medidas necesarias co obxeto de paliar a situación, establecendo liñas de axuda para os afectados nas catro denominacións de orixe Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.
Así, o grupo provincial do PP proporá ao pleno da Deputación que se pida á Xunta de Galicia a tramitación como zona catastrófica das distintas areas afectadas, unha liña de axudas para paliar na medida do posible os danos ocasionados e trasladar dito acordo á Consellería do Medio Rural, aos distintos consellos reguladores das denominacións de orixe e a todos os concellos afectados.