Propostas do PP para o pleno sobre o estado da provincia de 2018
A Deputación de Ourense presenta novas accións en política social, emerxencias, turismo, cultura e economía, destacando o reforzo do Consello Social, unha rede de helisuperficies, formación en prevención de incendios e estratexias turísticas para o Ano Xacobeo 2021. Tamén se centrará na preservación da memoria oral e na creación dunha Mesa Técnica Termal para mellorar a xestión de proxectos.
- Política Social
1-Reforzamento do Consello Social Provincial.
Elaborar un mapa de diagnose da provincia e un plan de reforzo do labor que desenvolven as distintas asociacións e entidades, caracterizado pola máxima participación e transparencia.
- Emerxencias
2-Formación en prevención de Incendios
Co obxectivo de que a formación en prevención de incendios chegue a toda provincia, a Deputación porá en marcha un programa de actividades denominado “Semana Provincial de Prevención de Incendios”, implicando ao Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento, grupos de bombeiros supramunicipais, G.E.S. e Protección Civil, para que entre todos consigan transmitir dun xeito eficaz a mensaxe da prevención aos ourensáns, con especial atención aos escolares e maiores.
3-Rede de helisuperficies
Reforzar o compromiso da Deputación co territorio en materia de prevención de incendios e actuacións en caso de emerxencias, co seu esforzo inversor en infraestruturas, cunha rede de “Helisuperficies” en terreos de titularidade provincial.
- Turismo
4-Aproveitamento do pulo do Ano Xacobeo 2021
Elaborar unha estratexia turística provincial enfocada aos peregrinos, con vistas ao Xacobeo 2021, coa posta en valor dos camiños de Santiago que transcorren pola nosa provincia, así como a Vía Nova ou Vía XVIII do itinerario Antonino que atravesa en diagonal a provincia de Ourense, de suroeste a nordés, desde a fronteira con Portugal en Portela do Home (Lobios) ata a serra de Enciña da Lastra (Rubiá).
- Identidade e cultura propia
5-Cen anos da Revista Nós
Participar activamente na celebración en 2020 dos cen anos da aparición da Revista Nós, auténtico referente identitario social e político con berce na nosa provincia.
- Cultura e Patrimonio
6-Aposta por recuperar, conservar e difundir a memoria oral da provincia
A Deputación axudará a preservar para xeracións vindeiras o patrimonio inmaterial da nosa provincia, agora só dispoñible na memoria dos ourensáns máis lonxevos e susceptible de desaparecer progresivamente co paso do tempo. Un xeito de traballar que conta cun espello claro no Centro de Cultura Popular “Xaquín Lourenzo” desta Deputación Provincial.
- Dinamización económica
7-“Marca Ourense”
Estudo da implantación da “marca Ourense” de calidade na produción agroalimentaria, tendo en conta as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas coas que contamos no territorio provincial.
8-“Plan Exportou”
En convenio coa Confederación de Empresarios de Ourense renovar a alianza para reforzar o apoio ás empresas da provincia no ámbito da internacionalización, reeditando o “Plan Exportou”.
- Termalismo
9-Mesa Técnica Termal
Creación e posta en marcha da Mesa Técnica Termal coordinando diversas administracións en relación a calquera proxecto que se presente, tendo entre os seus obxectivos a axilidade na tramitación.
- Cooperación coa Xunta de Galicia
10-Centros Comarcais
Estudo da xestión e utilización dos antigos centros comarcais da Xunta de Galicia, como estamos a facer co de Castro Caldelas para ubicar alí o Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra.