Helena de Medeiros trae a maxia da súa pintura ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel"
- Na inauguración da mostra, que tivo lugar esta tarde, Rosendo Fernández destacou "a aposta da Deputación de Ourense por unha cultura plural e de calidade".
Ourense, 21 de abril de 2017.- A artista portuguesa Helena de Medeiros enche coa poesía e a maxia da súa pintura a sala de exposicións principal do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, cunha mostra que se inaugurou esta tarde co título de "Random birds" e que se poderá visitar ata o vindeiro día 18 de xuño.
En obras de gran formato, a artista emprega trazos que parecen buscar sempre a liberdade cunha presenza permanente do movemento nos seus cadros. A mostra complétase con dúas esculturas, unha de pequeno formato e outra pendurada do teito para proxectar a súa sombra sobre o espazo expositivo.
Esta artista, que ten traballado en Portugal, Alemaña, Francia, Holanda, Suíza, Canadá ou China, e que acaba de regresar de Italia, trae ao Centro Cultural da Deputación a súa obra máis recente. Ademais de pola pintura e a escultura, Helena de Medeiros é recoñecida por ter elaborado traballos de deseño de vestiario para compañías de danza contemporánea recoñecidas mundialmente.
O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, destacou na inauguración da mostra, a calidade do traballo da artista e a proxección internacional do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" con exposicións destas características, "demostrando a aposta do goberno provincial por unha cultura plural e de gran calidade".
A protagonista da exposición agradeceu á Deputación de Ourense a aposta realizada pola súa obra e a posibilidade de ensinala en Galicia, mentres que, o director do Centro Cultural, Francisco González, agradeceulle as facilidades dadas para desenvolver todo o proxecto.