Homenaxe a Carlos Casares, "quen levou sempre con orgullo a súa condición de Ourensán, a mellor forma de sermos galegos", afirmou Manuel Baltar
- No acto, celebrado no Liceo, o presidente da Deputación de Ourense salientou "o seu compromiso, como escritor consagrado e intelectual brillante, na construción da nosa autonomía".
Ourense, 30 de novembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo esta tarde, na homenaxe ao intelectual Carlos Casares no Liceo de Ourense que Casares "levou con orgullo, onde queira que fose, a súa condición de ourensán; para el, e para nós, a mellor maneira de sermos galegos". O presidente do goberno provincial salientou no seu discurso o compromiso de Carlos Casares "como escritor consagrado e intelectual brillante, na construción da nosa autonomía".
"Nese marco, no fortalecemento da Autonomía, Carlos nadou a contracorrente. Mellor e máis cómodo lle tería sido adoptar unha actitude crítica desde fóra, sen implicacións. Fixouse unha lexislatura, non máis, para traballar no que consideraba esencial para o desenvolvemento do país -sobre todo a Lei de Normalización Lingüística- e foise cando esas leis se materializaron", expresou Manuel Baltar.
No acto, baixo o epígrafe "Carlos Casares e as institucións galegas", organizado polo Parlamento de Galicia, estiveron presentes destacados persoeiros dos ámbitos institucional, cultural, político e social. Xunto a Manuel Baltar participaron como relatores o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Fundación "Carlos Casares", Xabier Casares; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e en representación da familia Casares, o fillo de Carlos Hakan.
Manuel Baltar dixo que Casares "non só defendeu as posicións propias nos colectivos e foros dos que formaba parte. Fíxoo a través de colaboracións xornalísticas que lle trouxeron non poucas situacións de incomodidade pola violencia dos intransixentes. Tampouco é verdade que preferise ser aséptico, que escribira á marxe dos conflitos políticos, sociais e culturais. O seu modelo, o seu xeito, foi integrar e sumar, razoar con sensatez, nunca discriminar previamente, e menos aínda, sentenciar verdades absolutas".
Neste sentido tamén se expresou Miguel Santalices, quen destacou que este acto "quere pór en valor ao Carlos Casares, que traballou polo enaltecemento de Galicia; fixo moito e ben pola súa terra en todas as actividades que desenvolveu, sempre con infinita paixón por Galicia", e engadiu que hoxe "reivindicamos o seu compromiso coas institución; foi un patriota galego".
Todos os relatores concordaron no talante respectuoso e tolerante de Carlos Casares, "home de ideas e de accións para construír Galicia", como o definiu Román Rodríguez.
Pola súa banda, Hakan Casares agradeceu todas as mostras de cariño "amosadas ao longo deste ano tan especial" e dixo que seu pai "defendeu estar nas institucións" para traballar por Galicia, pola súa lingua e a súa cultura, "sempre en harmonía, e o exemplo é a homenaxe que se lle fai hoxe aquí, no Liceo de Ourense".