As "II Xornadas de Astroturismo" en A Veiga reúnen a científicos e afeccionados á observación das estrelas

Compartir
  • No evento, que foi inaugurado hoxe por Manuel Baltar, presentouse a Trevinca como destino turístico "Starlight" e organizáronse actividades de observación astronómica no mirador estelar "A tablilla das lagoas".

  • Ao longo da fin de semana desenvolveranse relatorios e obradoiros relacionados co estudo da posibilidade de vida en exoplanetas, programas e aplicacións astronómicas e experiencias sobre "Auroras e maxia do ceo".

Ourense, 11 de setembro de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta tarde na sala de conferencias O Toural, do Concello da Veiga, as II Xornadas de Astroturismo "Astrotrevinca 2015", un evento no que se dan cita investigadores, técnicos e público en xeral para debater sobre a observación das estrelas, a posibilidade de vida en exoplanetas e en xeral sobre as últimas novidades en aplicacións e programas astronómicos.

Na xornada inaugural, que contou tamén coa participación do alcalde da Veiga, Juan Anta, e da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentouse a Trevinca como destino turístico "Starlight" e organizáronse actividades de observación astronómica no mirador estelar "A tablilla das lagoas", todo dentro dun abano de experiencias e actuacións "que destacan á contorna da Veiga como un novo polo de atracción de visitantes na provincia de Ourense no eido do astroturismo", afirmou Manuel Baltar.

Precisamente, días pasados a Deputación de Ourense e o Concello de A Veiga presentaron a Trevinca como destino turístico "Starlight", converténdose nun dos catorce destinos no mundo e o único en Galicia que conta con esta certificación. Este recoñecemento como destino turístico Starlight, converte a Trevinca nun lugar visitable con boas condicións para a contemplación de estrelas e que está protexido de contaminación lumínica, sendo apto para acoller iniciativas turísticas relacionadas coa contemplación do ceo, así o aseguran dende a Fundación Starlight coa concesión deste certificado. Juan Anta explicou que este certificado significa "unha marca de calidade porque no concello de A Veiga hai un dos mellores ceos do mundo onde ver as estrelas".

O presidente do goberno provincial remarcou que as condicións "excepcionais de determinadas áreas do concello de A Veiga para contemplar os ceos estrelados fan que este municipio e a provincia de Ourense entren nun segmento emerxente do turismo que é o astroturismo ou turismo das estrelas", e que a Deputación de Ourense colaborou para que fose posible tramitar o expediente para esta certificación, que recibiu o concello o pasado 4 de agosto.

Segundo os astrónomos, A Veiga é un punto estratéxico na astronomía e un referente de ámbito nacional, e iso fai que nestas II Xornadas de Astroturismo se dean cita expertos que abordan temas de máxima actualidade no que a información astronómica se refire. Así, haberá relatorios sobre "Literatura estelar", "Posibilidade de vida en exoplanetas, baseada en fluídos diferentes á auga", "Auroras, a maxia do ceo. Experiencias en Laponia e Islandia", "Programas e aplicacións astronómicas", e tamén desenvolveranse obradoiros de observación solar con telescopio de Hidróxeno Alfa, e unha observación astronómica dende o Mirador Estelar "A tablilla das lagoas".