Inauguración da 12ª edición de Previsel, o Salón da Prevención e da Seguridade Laboral

Compartir

Ourense, 10 de maio de 2017.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou esta mañá na inauguración da 12ª edición de Previsel, o Salón da Prevención e da Seguridade Laboral, que se celebra en Expourense os días 10 e 11 de maio cos obxetivos de conseguir a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas para crear espazos de traballo saudables, así como fomentar a cultura preventiva entre empresarios e traballadores, integrando ademais nesta edición, actividades de interese para toda a sociedade.

Rosendo Fernández dixo que este Salón conxuga "unha triloxía clave: prevención, seguridade e saúde. Tres conceptos que todo plan de saúde laboral contempla como elemento fundamental", e engadiu, "desenvolver medidas e técnicas que poidan evitar a aparición de enfermidades e accidentes, con actuacións preventivas para promover benestar e reducir riscos, parécenos o obxectivo máis loable do ser humano para consigo mesmo".

No acto tamén participou a secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; o presidente do comité executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada; a primeira tenente de alcalde do Concello de Ourense, Sofía Godoy; e o vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Díaz.

Previsel está consolidado como o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención: administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais ou servizos de emerxencias, entre outros. O Salón organízase en dúas áreas: exposición e xornadas técnicas, contando cun total de 23 expositores.

O programa desta edición recolle máis de 30 actividades entre as cales se atopa unha demostración práctica que consistirá na exhibición dun rescate en altura empregando as denominadas "liñas de vida" instaladas nas cubertas do "Paco Paz", organizada pola Deputación de Ourense e os Bombeiros.