Inauguración da III Semana Vitivinícola de Galicia, organizada pola Deputación de Ourense e a Evega
Ourense, 5 de xuño de 2019.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou na inauguración da III edición da Semana Vitivinícola de Galicia, un evento técnico e divulgativo organizado pola Deputación de Ourense e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que se desenvolverá do 5 ao 7 de xuño.
A programación desta Semana ofrecerá unha xornada técnica sobre o rural ourensán para coñecer máis de preto as súas potencialidades desde o punto de vista do tecido agroalimentario. Ademais, o programa inclúe un obradoiro práctico sobre as ferramentas para a comunicación dixital para coñecer as vantaxes do uso das TIC´s e as súas aplicacións ao marketing dixital.
Ao igual que en edicións anteriores celebraranse, do 5 ao 7 de xuño, mesas-faladoiro que abordarán diversos temas vencellados ao sector da viticultura: o papel da muller no sector do viño, os escumosos galegos e o tostado do Ribeiro. Todas elas terán lugar no salón de actos do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, a partir das 19.30 horas e rematarán cunha cata comentada cos viños das adegas participantes. A entrada será libre.