Inauguración do Museo do Traxe Tradicional Galego na estación de Santa Cruz de Arrabaldo
Na estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense) tivo lugar o pasado 1 de xullo a inauguración do Museo do Traxe Tradicional Galego. O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e a responsable do museo, Mariló Fernández Senra.
Esta iniciativa, promovida polo Inorde e a Xunta de Galicia, ten como obxectivo poñer en valor a nosa etnografía a través da historia do traxe, e forma parte do proxecto de rehabilitación desta estación, compartindo espazo expositivo con Centro de Interpretación do Liño e o Museo Estanislao Reverter. O Museo do Traxe presenta unha exposición de traxes folclóricos, teares e dos instrumentos empregados na confección do liño.
O Museo do Traxe é un centro dedicado á vestimenta tradicional con espazos claramente diferenciados, nos que se poden contemplar dende fieis reproducións até pezas orixinais representativas de finais do século XIX e principios do XX. Tamén está dedicado ao proceso de elaboración dos tecidos, con textos explicativos de Clodio González Pérez e ilustracións pedagóxicas de Salomé Fernández.
O museo estará aberto ao público en tempada alta e fora destas datas serán posibles as visitas concertadas. O acceso aos centros tamén se incluirá no novo produto turístico: Trenes Turísticos Galicia 2014, un proxecto colaborativo de Renfe, a Xunta de Galicia e o Inorde que ofrece rutas de un día en trens tematizados para coñecer mediante ruta puntos de interese cultural galego como é a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco rutas por todas as Denominacións de Orixe do Viño de Galicia. Tamén se organizarán na estación actividades extraescolares dos centros educativos.
Este proxecto de habilitación da estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo foi posible grazas ao acordo asinado entre a Consellería de Cultura e o Inorde, que permitiu tamén a habilitación da estación de ferrocarril de Baños de Molgas para a realización de actividades culturais.