Inauguración do Ourense ICCWeek, que converte á provincia en referente das industrias culturais e creativas
- Manuel Baltar dixo que este evento "nace cunha visión integral de provincia, pois promove a nosa cultura e riqueza monumental, complementadas con iniciativas de vangarda".
Ourense, 23 de marzo de 2015.- O Salón de Actos do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu hoxe a inauguración da Semana das industrias culturais e creativas "Ourense ICCWeek", un acto que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e que tivo como relator a Pau Rausell, doutor e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universitat de Valencia, quen falou do "Impacto das industrias culturais e creativas nos territorios".
O Ourense ICCWeek reunirá dende hoxe e ata o vindeiro sábado en torno ao ámbito audiovisual a expertos, emprendedores, empresarios e público en xeral. O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, Apps e vídeo-xogos, que se desenvolverán no Pazo dos Deportes "Paco Pazo" e en diferentes vilas da provincia de Ourense.
Manuel Baltar dixo que o Ourense ICCWeek "é un evento que se vai consolidar nos próximos anos e que fará que Ourense sexa un referente da creatividade, porque este é un territorio esencialmente creativo e poderemos contribuír así a seguir dándolle un pulo cultural e innovador á nosa provincia". Baltar destacou que esta iniciativa "converte a Ourense no centro de referencia das industrias culturais e creativas situándoa na vangarda do audiovisual durante esta semana", e salientou que Ourense ICCWeek "nace cunha visión integral de provincia pois promove e difunde a nosa cultura e riqueza monumental a cal se complementa coas iniciativas de vangarda que se están a dar nos ámbitos tecnolóxico, artístico e audiovisual e que poderán coñecerse no marco desta iniciativa".
Logo do acto inaugural e do relatorio de Pau Rausell tivo lugar o concerto de "The cinematic sound ensemble", maridado cunha cata de viño Ribeiro cortesía do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.
Os obxectivos deste proxecto son presentar a Ourense como unha área economicamente atractiva e industrialmente ben dotada, con infraestruturas e comunicacións de primeiro nivel, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais, e atraer expertos de diversos campos tecnolóxicos e marcas de referencia para fidelizar relacións e contactos profesionais.
Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense.
Xerar canles de comunicación entre emprendedores, empresarios e expertos do sector audiovisual e sensibilizar sobre a importancia das industrias culturais e de entretemento como oportunidades laborais e de negocio son outras das finalidades do "Ourenseiccweek", que terá a Radio 3 como emisora oficial do evento.
Programa de actividades
O amplo programa de actividades que se vai desenvolver nesta semana ata o 28 de marzo abrangue os seguintes apartados:
- ICCWEEK: ao redor de 30 participantes, expertos en diferentes áreas presentarán charlas, cursos ou xornadas de traballo.
- ICCNET PARTY: é o punto de encontro de fanáticos da informática radical, gamers e desenvolvedores. Un espazo de conexión xigante que permite interactuar a centos de participantes con velocidades de rede astronómicas e todo o necesario para unha experiencia virtual extrema.
- ICCEXPO: venres e sábado. Unha feira con máis de 50 empresas do sector audiovisual e de formación especializada en industrias creativas.
- ICCTOUR: unha forma diferente de vivir a experiencia profesional.
- ICCNETWORKING: networking a tarde noite do xoves, unha actuación, charla e reunión cos medios.
- ICCEXPOCONCERT: un concerto para todos os públicos no Pazo dos Deportes "Paco Paz".
Os relatorios e charlas técnicas desenvolveranse en Celanova (Mosteiro de San Salvador), Esgos (Mosteiro de San Pedro de Rocas) e Vilamarín (Pazo de Vilamarín), sendo os temas que se abordarán "A industria da música e os seus axentes", "O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual", "O mundo da vídeo-creación", "Vídeo-xogos e tendencias dixitais", "Os novos retos do audio e a produción musical" e "O futuro do cine visto polos seus protagonistas".
Nos concertos, que se celebrarán o sábado, día 28, no Pazo dos Deportes "Paco Paz" actuarán Electric Feels, Isaac Torgal Dj, Marlango, Aurora & The Betrayers e Wöyza.
As inscricións para participar nas diferentes actividades da "Ourenseiccweek" así como a compra das entradas para os concertos pódense xestionar a través da páxina web: www.ourenseiccweek.com, onde se pode consultar ademais toda a información referida ao evento.