Innovación, talento e novas tecnoloxías, no Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

Compartir

A 12ª edición do certame presentouse hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. O obxectivo é impulsar a competitividade empresarial e crear novas oportunidades laborais.

Innovación, talento e novas tecnoloxías, como receitas que contribúan a loitar contra a crise e xerar emprego e competitividade. Ese é o obxectivo dunha nova convocatoria do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, patrocinado pola Deputación de Ourense e organizado por Expourense e a Escola Superior de Informática do Campus de Ourense, que se presentou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.

O presidente provincial, Manuel Baltar, o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o director da Escola Superior de Informática do Campus de Ourense, Enrique Barreiro, presentaron a que é a 12ª edición deste certame, destacando "a traxectoria de calidade, que ven avalada en todos estes anos polos traballos presentados a concurso", segundo subliñou Manuel Baltar, quen engadiu que "a pesares da crise a Deputación de Ourense segue apoiando esta iniciativa que aporta competitividade, favorece a xeración de emprego e estreita lazos entre os ámbitos da empresa e a universidade".

Vencellar a investigación realizada na universidade coas necesidades e demandas reais do mundo empresarial é a finalidade do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, un certame consolidado como unha grande oportunidade para os estudantes de Informática e de Telecomunicacións de Galicia e de Portugal para dar a coñecer os seus proxectos de Fin de Carreira.

Co obxectivo de achegar aínda máis este concurso aos universitarios, o acto de entrega dos premios terá lugar, por primeira vez, na Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo-Campus de Ourense e será o xoves 13 de decembro. As bases da convocatoria para presentar os traballos poden consultarse na páxina web www.expourense.org.

A investigación, o desenvolvemento e a innovación convertéronse hoxe en día na mellor ferramenta para que unha empresa sexa competitiva a nivel internacional. Neste concurso cabida todos aqueles traballos onde prime unha clara aplicación das súas ideas ó mundo empresarial.

Bases

A duodécima edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos constará de dúas modalidades A e B e nel poderán participar os alumnos e alumnas das Universidades de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela e das Escolas Universitarias do Norte de Portugal que estean cursando na actualidade algunha das seguintes titulacións:

- Modalidade A: Títulos de Enxeñería Informática; Grao en Enxeñería de Tecnoloxías da Telecomunicación; Enxeñería Técnica Informática e Enxeñería Técnica de Telecomunicación.

- Modalidade B: Títulos de Enxeñería en Informática, Enxeñería de Telecomunicación e Traballos de Fin de Master de másteres oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e as comunicacións.

Os participantes poden presentar os seus proxectos Fin de Carreira. A participación neste concurso pode ser unha boa carta de presentación á hora de incorporarse ó mundo laboral.

Un dos requisitos para poder participar neste concurso será ademais a creación dunha Páxina en Facebook no que se publicará toda a información textual, fotos, vídeos, etc, que se considere oportuna sobre o seu proxecto. A páxina que consiga máis "Me Gusta" obterá o premio do Público.

Os premios deste concurso serán entregados Escola Superior de Informática da Universidade de Vigo (Edificio Politécnico- Campus de Ourense), o xoves 13 de decembro. O xurado reunirase e nomeará ós finalistas que haberán de defender o seu traballo durante 10 minutos.

Concederanse tres premios en cadansúa categoría (A e B) cuxa contía ascende a 2.100 euros sendo os primeiros premios de 500 e de 700 euros respectivamente. O concurso rematará cun xantar de convivencia entre os participantes.

Co obxectivo de facilitarlle a participación neste concurso aos alumnos e alumnas das Universidades da Coruña e Santiago de Compostela, a organización puxo a súa disposición un Bono desconto do 30% en RENFE (inclúe AVANT). Pódese descargar en www.expourense.org.