Inorde, Cámara de Comercio e Incyde asinan convenios para emprendedores no marco do Plan "Transforma Ourense"
- Ourense, primeira provincia na que se impartirá un programa especializado en xestión agrícola e forestal, polo que xa se interesaron outras Cámaras españolas.
Os presidentes do Inorde e da Cámara de Comercio, Manuel Baltar, e Celso Barbosa, e o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, asinaron hoxe en Ourense senllos convenios de colaboración, no marco do Plan "Transforma Ourense", que teñen como obxectivo a creación e consolidación de empresas nos ámbitos agrícola e forestal e o fomento do cooperativismo.
Desta maneira, a provincia de Ourense é a primeira de España en poñer en marcha un proxecto formativo destas características, polo cal xa se teñen interesado outras Cámaras españolas, que servirá para impulsar iniciativas emprendedoras en xestión agrícola e forestal.
Manuel Baltar, Celso Barbosa e Javier Collado asinaron os convenios que permitirán desenvolver os ditos programas, cofinanciados polo Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Adaptabilidade e Emprego (2007-2013), e que a Fundación Incyde ten aprobado por decisión da Comisión Europea.
As achegas económicas por parte do Inorde serán de 9.000 euros para cada programa e por parte da Fundación Incyde, de 36.000 euros, "acordos que están integrados no Plan "Transforma Ourense" que está a desenvolver o Inorde con diferentes liñas de actuación nos ámbitos da internacionalización de empresas, a formación, a consultoría especializada e o asesoramento empresaria para explorar novos mercados e novas fórmulas de xestión que permitan xerar emprego e que dinamicen o desenvolvemento económico da provincia de Ourense", destacou Manuel Baltar.
O presidente do Inorde agradeceu a colaboración da Cámara de Ourense e da Fundación Incyde por apoiar este compromiso, "para que entre todos poidamos contribuír ao apoio ao emprendemento e a loita contra o desemprego, que é a nosa máxima prioridade", dixo Baltar, quen subliñou que o Plan "Transforma Ourense" verase potenciado nos anos 2014, 2015 e 2016 coa aprobación por parte do Goberno central de iniciativas dirixidas ao emprendemento en Ourense, "porque temos que sacar partido das "oportunidades" que ofrece a nosa provincia, tanto no sector primario como en outros, pois son moitos e bos os exemplos que temos nos ámbitos agroalimentario, textil, vitivinicola e na lousa, entre outros".
Os convenios que hoxe se asinaron refírense a iniciativas dirixidas a emprendedores que queiran desenvolver e facer realidade o seu proxecto, e a empresarios que queira mellorar a rendabilidade da súa empresa ou avaliar outras alternativas de expansión. Neste senso, o Inorde plantexou a necesidade de centrar a atención no potencial dos sectores agrícola e forestal da provincia de Ourense, dúas actividades que representan máis do 30 % do PIB ourensán.
Asemade, o modelo das cooperativas ofrece solucións pola súa versatilidade e capacidade de adaptación, e ten demostrado a súa capacidade para manter e crear empregos no medio rural. Só na provincia de Ourense hai preto de 200 cooperativas censadas e que abranguen máis de vinte sectores, con predominio das actividades agrícolas e gandeiras.
O presidente da Cámara, Celso Barbosa, agradeceu a colaboración do Inorde e da Fundación Incyde, afirmando que este acto "é unha mostra máis do compromiso que a Cámara mantén cos emprendedores e coas pemes ourensáns, avaliado polas 68 iniciativas empresariais que a entidade cameral axudou a poñer en marcha este ano".
Pola súa banda, Javier Collado, subliñou o feito de que fose Ourense a primeira provincia de España na que se pon en marcha este proxecto de emprendemento agrícola e forestal e loubou a "celeridade e practicidade" coa que ten traballado o Inorde para facer realidade en tempo récord este proxecto que, sen dúbida, será unha boa nova para emprendedores e para empresas da provincia de Ourense".