Irmanamento entre a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense e "Toxos e Xestas" de Barcelona

Compartir

Con motivo dos actos da celebración do XXXV aniversario da Escola de Gaitas "Toxos e Xestas" de Barcelona, fundada por Xosé Lois Foxo en 1975, mañá sábado, 27 de Outubro, terá lugar un festival conmemorativo no Auditorio de Barcelona no que, aparte das agrupacións das entidades galegas de Cataluña, participará o gaiteiro da Real Banda Marco Foxo.

No transcurso do festival celebrarase o acto de irmanamento entre a Escola "Toxos e Xestas" e a Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense.

A Escola "Toxos e Xestas" é a institución dedicada exclusivamente ao cultivo da música e danza tradicional máis destacada da Galicia Emigrante, polo que serviu como referencia para que no curso 1985-86 a Corporación Provincial de Ourense, presidida daquela por Victorino Núñez, acordara contratar a Xosé Lois Foxo quen levou adiante a partir de entón un labor incansable a todos os niveis no ámbito da recuperación do instrumento musical por excelencia de Galicia, a gaita, un traballo que abrangue o eido etnográfico, académico, histórico, formativo e social.

Coa presenza de Marco e Xosé Lois Foxo en Barcelona preténdese manter vivas as relacións dentro da tradicional colaboración entre a Escola "Toxos e Xestas" e a propia Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense que imparte formación de gaita galega nos cinco continentes.