Jorge Pumar asiste á conferencia política da Confederación Europea de Autoridades Intermedias
Lucca, 23 de abril de 2024.
O deputado de Innovación e Desenvolvemento Sostible, Jorge Pumar, asistiu hoxe en Lucca (Italia) á conferencia política da Confederación Europea de Autoridades Intermedias (CEPLI). Estivo centrada na importancia da política de cohesión como un dos principais piares da acción de goberno de calquera administración pública.
Ao remate da conferencia, Jorge Pumar destacou que esa política de cohesión está chamada a dar resposta aos problemas diarios dos cidadáns. Nesta liña, citou á Deputación de Ourense como un dos principais axentes presentes no territorio rural con capacidade para afrontar os retos de futuro comúns na Unión Europea como o despoboamento nos espazos rurais.
Citou, por exemplo, os programas postos en marcha pola institución provincial como o programa de Termalismo contra a soidade non desexada, o EmprendOU para fomentar o autoemprego en territorios rurais ou a necesidade de ofrecer máis formación aos maiores en habilidades tecnolóxicas.