José Rodríguez Carballo, Premio "Ourensanía 2013"

Compartir

  • O xurado, que fallou hoxe o galardón no Pazo de Trasalba, salienta que o premiado eleva os valores da Ourensanía "a unha relevante dimensión internacional", e destaca "a súa inxente obra teolóxica e o seu labor monacal", así como a súa "defensa da identidade, a cultura e a lingua galegas".

Ourense, 4 de novembro de 2013.- O xurado do Premio Ourensanía 2013 reuniuse esta mañá na Casa Grande de Cimadevila, actual Casa-Museo de Otero Pedrayo, en Trasalba, Amoeiro, para fallar o galardón correspondente a esta edición, que recaeu no ministro xeral da Orde Franciscana dos Frades Menores, José Rodríguez Carballo, nomeado polo Papa Francisco secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica. O premio, que concede a Deputación de Ourense, é un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

A Deputación de Ourense agradece á Fundación Otero Pedrayo a cesión das instalacións para a celebración deste acto, e, en especial a Juan Luis Saco, anfitrión hoxe do xurado que deu a coñecer o seu fallo, acordando conceder o devandito galardón a don José Rodríguez Carballo, nado en Lodoselo, Sarreaus, o 11 de agosto de 1953, arcebispo de Belcastro.

O xurado, presidido polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destaca moi especialmente que, dende a súa raíz vital en Lodoselo, "José Rodríguez Carballo, eleva os valores da Ourensanía a unha relevante dimensión internacional", e salienta "a súa inxente obra teolóxica e o seu labor monacal, así como a súa defensa da identidade de noso, especialmente no ámbito da cultura e a lingua propia de Galicia".

A entrega do galardón –que se consolida xa na súa terceira edición- terá lugar o vindeiro luns, 11 de novembro, nun acto que se celebrará no Mosteiro de Oseira, coincidindo co Día de San Martiño, e contará cunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos social, cultural, económico e institucional. No transcurso do acto, o presidente da Deputación de Ourense entregaralle ao premiado unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da acta do xurado.