Lanzamento do Proxecto "Keep On", para mellorar as políticas públicas en materia de patrimonio cultural

Compartir

  • O Inorde capta un novo fondo da Unión Europea con este proxecto, dentro do programa INTERREG Europa (FEDER), que ascende a un orzamento de 1.370.543 euros.

Ourense, 27 de setembro de 2018.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polo alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, e polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, participou hoxe, no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, na reunión de lanzamento do proxecto "Keep On", co que se pretende mellorar as políticas públicas en materia de patrimonio cultural para desenvolver proxectos sostibles e con impacto no desenvolvemento rexional.

Este proxecto de cooperación interterritorial ten como xefe de fila ao Inorde e como socios a entidades de Polonia, Grecia, Países Baixos, Portugal, Italia e Croacia. De tal modo que, o Inorde capta un novo fondo da Unión Europea con este proxecto, dentro do programa INTERREG Europa (FEDER), que ascende a 1.370.543 euros, dos cales a achega do Inorde é de 316.840 euros, e cinco anos de execución e seguimento.

Tal e como explicou o vicepresidente do goberno provincial na reunión, o proxecto "Keep On" ten como obxectivo xeral "aumentar a efectividade das políticas públicas para proxectos duradeiros e autosostibles no sector do patrimonio cultural, tanto nas rexións que participan no proxecto, como en outros territorios da Unión Europea".

Así mesmo, Rosendo Fernández dixo que o obxectivo que persegue o Inorde xuntos cos seus socios é "buscar a sostibilidade de proxectos financiados con Fondos Europeos relacionados co patrimonio cultural, tanto material como inmaterial". Os eixos estratéxicos nos que se basean as actividades do proxecto son a xestión do proxecto, o intercambio de experiencias con accións en tódolos países, a organización de mesas temáticas e de sesións de formación interrexional, e a difusión dos obxectivos logrados conxuntamente, cunha conferencia de clausura que terá lugar en Ourense.

O programa da reunión de lanzamento organizado para hoxe e mañá, 28 de setembro, recolle tamén diferentes actividades prácticas, así como intercambio de experiencias en diferentes puntos turísticos da provincia de Ourense: San Pedro de Rocas, o Laboratorio Agroindustrial do Inorde, a estación ferroviaria de Baños de Molgas, o parador de Santo Estevo e a estación dos Peares, para que os diferentes socios poidan coñecer unha parte da riqueza do patrimonio cultural da nosa provincia e debater sobre a sostibilidade do patrimonio cultural.