Liceo e Deputación de Ourense, coinciden nas potencialidades do termalismo na provincia

Compartir

  • Manuel Baltar recibiu ao presidente do Liceo, Xavier Casares, ao tesoureiro, Manuel Martínez Rapela, e ao xerente, José Luis Troitiña, con quen analizou o estudo do "Foro Liceo" que valora o ámbito termal ourensán "como un dos valores da economía da provincia no futuro".

Ourense, 30 de xaneiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente do Liceo de Ourense, Xavier Casares, acompañado polo tesoureiro desta entidade, Manuel Martínez Rapela, e do xerente, José Luis Troitiña, con quen analizou o estudo realizado polo "Foro Liceo", que valora o ámbito termal ourensán "como un dos valores que han soster a economía da provincia no futuro", unha afirmación na que coinciden tanto o goberno provincial como o Liceo, concordando "nas grandes potencialidades que ten o termalismo na nosa provincia", destacou Baltar, e afirmando que este estudo "vai na liña do labor que vimos realizando estes últimos anos desde a Deputación, desenvolvendo coa Xunta de Galicia o plano "Ourense, a provincia termal", e outras iniciativas orientadas a visibilizar e promover a riqueza termal de Ourense, así como as súas infraestruturas e servizos", expresou o presidente Baltar.

O estudo termal do Foro Liceo destaca que, xunto coa agricultura, gandería, turismo, a riqueza natural e a gastronómica, ademais do sector industrial ou o enolóxico, o termalismo é un destacado valor da provincia de Ourense, sendo a súa capital a cidade que conta con máis auga termal de Europa despois de Budapest –3 millóns de litros de auga ao día-, e tamén salienta o labor do balnearios da provincia e as pozas da cidade.

O estudo tamén analiza a situación socioeconómica de Ourense e incide na necesidade de desenvolver máis instrumentos neste ámbito, citando como exemplos o comercio de proximidade, a silvicultura ou a riqueza forestal, para implementar medidas que melloren a competitivade neste e noutros sectores.