Luar na Lubre gravará na Ribeira Sacra seu próximo traballo, co apoio da Deputación de Ourense
- Manuel Baltar reuniuse con Bieito Romero e con integrantes do grupo folk para analizar o que será o traballo musical e audiovisual, que se gravará no mosteiro de Rocas, no río Sil e noutras localizacións da contorna
Ourense, 27 de maio de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao líder do grupo folk galego Luar na Lubre, Bieito Romero, e a integrantes desta formación, con quen analizou o que será o seu vindeiro traballo discográfico, que se gravará na Ribeira Sacra ourensá. A Deputación de Ourense, segundo confirmou Manuel Baltar, colaborará con este traballo de Luar na Lubre, que abranguerá os ámbitos musical e audiovisual, con gravacións localizadas no Mosteiro de San Pedro de Rocas, no propio río Sil e en diferentes paraxes naturais da Ribera Sacra, incorporando elementos característicos desta contorna como a figura do afiador e seu idioma, o barallete.
O presidente do goberno provincial afirma que este proxecto "de unir a música de Luar na Lubre, de fondas raíces galegas, coa historia e a singular paisaxe da Ribeira Sacra, suporá unha importante promoción para esta nomeada zona da provincia e contribuirá a realzar a beleza natural desta contorna".
Está previsto que os traballos de gravación se inicien a partires do vindeiro mes de setembro e que a estrea sexa no Teatro Principal de Ourense no primeiro trimestre de 2018.
O grupo Luar na Lubre, creado en 1986, tense convertido co paso dos anos nunha formación de referencia da música folk galega, dedicando especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lle proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias.