Luis Menor anuncia un incremento do 70% no orzamento destinado pola Deputación aos proxectos das entidades sociais da provincia
No marco do “Concerto 8M” que a Deputación organiza no Teatro Principal para render homenaxe ao labor que fai o terceiro sector a prol da igualdade, o presidente provincial comprometeuse a destinar 600.000 euros para colaborar nese traballo de “xustiza social” xunto ás entidades
O concerto correu a cargo da Xove Orquestra Ourensanía e baixo a dirección dunha muller referente como María Mendoza, para dar visibilidade ao traballo realizado polas dirixentes, traballadoras e voluntarias das case medio centenar de entidades sociais que asistiron ao acto
A través deste evento cultural, a Deputación trasladou unha declaración de principios cara estas mulleres que traballan por outras que sofren unha dobre desigualdade: de xénero e por pertencer a colectivos especialmente vulnerables
Ourense, 6 de marzo de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor asistiu hoxe, no Teatro Principal, ao “Concerto 8M” que organiza esta institución para poñer en valor o traballo que realizan as entidades sociais da provincia a favor da igualdade, dentro das actividades organizadas polo Día Internacional da Muller.
No marco desta iniciativa, Luis Menor anunciou que a Deputación incrementará nun 70% o orzamento que destina aos proxectos das entidades sociais da provincia. Deste modo, alcanzarase os 600.000 euros para colaborar nese traballo de “xustiza social” xunto ás entidades. Trátase de “traballar da man: administración e terceiro sector, para lograr xuntos mellorar a vida das persoas que máis o precisan”, puntualizou Luis Menor.
“Concerto 8M”, un tributo a prol da igualdade
A Deputación organiza este concerto, dentro das actividades programadas con motivo do 8M, como unha ferramenta para reivindicar que o benestar e a igualdade é unha composición colectiva. A través deste evento cultural, a Deputación trasladou unha declaración de principios ao carón desas mulleres que traballan por outras que sofren unha dobre desigualdade: de xénero e por pertencer a colectivos especialmente vulnerables
“Derrubar as barreiras mentais que o terceiro sector combate a diario, garantirá que a vulnerabilidade das mulleres que máis sofren sexa entendida como unha circunstancia e nunca como un destino”, afirmaba Luis Menor, agradecendo en nome de toda a provincia ese traballo que contribúe a “reescribir a historia de moitas mulleres”.
O concerto correu a cargo da Xove Orquestra Ourensanía, baixo a dirección dunha muller referente como é María Mendoza, para dar visibilidade ó labor incansable que realizan a diario dirixentes, traballadoras e voluntarias das case medio centenar de entidades sociais que asistiron ao acto.
O “Concerto 8M” foi un tributo pola igualdade que puxo banda sonora a unha realidade ás veces invisible que é a de ser muller e pertencer a un colectivo vulnerable, xerando unha dobre discriminación que multiplica as barreiras de participación social e igualdade.